Jesús Ramos: "Xogámoslle de ti a ti ao Dépor. Foi un partido moi correcto"

Jesús Ramos, en el área técnica. JAVIER CERVERA
photo_camera Jesús Ramos, na área técnica. JAVIER CERVERA (ARQUIVO)

O técnico do Pontevedra, Jesús Ramos, sinalou que o seu equipo foi capaz este mércores de "xogarlle de ti a ti ao Dépor ata a expulsión", nun partido que acabou perdendo (1-2). "Logo da vermella tivémonos que replegar un pouco máis polos cambios e a inferioridade numérica. Pero a verdade é que me vou con moi boas sensacións", apuntou o preparador marinense. 

Entre o "máis positivo" do partido que xogou o seu equipo, Ramos quixo quedar coa "agresividade e a verticalidade" coa que os seus pupilos disputaron o partido. "En fases fomos capaces de combinar. E sen balón, creo que estivemos moi ben nas transicións defensivas. Ademais, cando nos tivemos que replegar pasamos moi pouquiños apuros", expresou. "Para ser un partido de pretemporada, estivo moi correcto", matizou. 

Preguntado polos xornalistas a pé de campo ao termo do partido, o adestrador granate recalcou que o Pontevedra foi un equipo "bastante sólido" e que puido "apertar ao Dépor e roubarlle en campo contrario". "Si que é verdade que non metemos as ocasións, pero non estou preocupado porque é un partido de pretemporada. Xa serán capaces de metelas nos partidos de liga", expresou. 

Así mesmo, Ramos recoñeceu que a pesar da entidade do rival, non vía este choque como "un ensaio xeral" de cara ao comezo ligueiro, o fin de semana do 17-18 de outubro na Malata. "Non o considero así, porque o sábado temos outro partido contra un rival moi serio (o Compostela) que nos vai servir para evolucionar. Eu estou moi contento co equipo que teño e creo que calquera pode ser titular ou dispoñer de minutos. E máis na época na que estamos, porque perdemos dous partidos e está claro que non están preparados para xogar todo", asegurou. 

Sobre a parella Charles-Rufo, Ramos recoñeceu que "son puntas que se complementan moi ben" e deberá utilizalos xuntos porque son unha "grande arma". "Pero dependerá de moitas cousas", dixo.

Comentarios