Dous pontevedreses, únicos representantes nacionais no mundial de Paddleball

Jaime Blanco e David Martín serán os únicos participantes non americanos no Campionato do Mundo nas Vegas, pero sen seguridade de poder asistir
2020073111214798247
photo_camera David Martín (esquerda) e Jaime Branco (dereita) sostendo trofeo e raquetas. DP

Jaime Bernardo Blanco Deus e David Martín Blanco, membros da Asociación Galega de Paddleball, Racquetball e Modalidades Asociadas serán os únicos participantes de nacionalidade non americana que participen no evento máis esperado do deporte de raqueta, o 2020 3WallBall World Championship, nas Vegas entre os días 9 e 13 de setembro, se se celebra e se, en todo caso, logran pasar polas limitacións de acceso aos Estados Unidos por tema sanitario.

Polo momento o campionato segue en pé, pero á espera de próximas informacións en relación ao avance da pandemia. De confirmar a cancelación do evento será nos próximos 15 días cando finalicen os prazos de inscrición. "eles queren facelo, pero a xente non está a responder demasiado e por agora todo segue no aire", explica Jaime, que expuxo a posibilidade de quedar fora do país americano aínda que o campionatose poida celebrar.

Para o de Pontevedra xa é unha sensación repetida porque de celebrarse o Mundial será a súa cuarta participación, en cambio a do seu compañeiro, David Martín, será a primeira. A súa primeira participación en Estados Unidos foi no ano 2016 e en solitario, o mesmo sucedeu en 2017, o ano seguinte sufriu unha lesión e perdeuse a oportunidade de vivir o seu terceiro campionato, pero volveu en 2019 con máis ganas e acompañado do seu fillo.

Eles queren facelo, pero a xente non está a responder demasiado e por agora todo segue no aire

A súa experiencia permítelle guiar a David no seu primeiro mundial. "O importante é que goce porque o lugar é espectacular, tanto o campionato como a xente que participa é unha pasada, hai moi bo rolo e a xente vai gozar", aclara Jaime.

En canto ás medidas que terán que seguir en caso de voar ata As Vegas, non saben nada. "Non temos moita información nese sentido, a organización non enviou nada", conta o de Pontevedra.

O confinamento tamén pasou factura ao deporte de raqueta e en especial a estes amantes do Paddelball. "Fixemos o que puidemos pero claro non había moita posibilidade de desprazamento e tiñámonos que achegar ao colexio de Campañó, onde normalmente adestramos".

Tanto Jaime como David están inscritos en 3 modalidades de Paddleball e unha de Handball, pero Jaime ten claras as súas preferencias. "Identifícome máis coas de Paddleball , tanto en tres paredes, como nunha parede, as dúas modalidades que se xogan alí, despois hai variantes dependendo da bóla, porque a bóla que se decide afecta moito no xogo, hai bólas ocas, macizas, e estas complícano bastante".

Este 2020 celebrarase a décima edición do 3WallBall World Championship e de suspendelo sería o primeiro ano sen mundial. Polo momento os de Pontevedra mantéñense á espera sen saber con certeza se se celebrará ou non, pero Jaime ten claro que quere vivir o seu cuarto campionato e se é posible volver cun trofeo debaixo do brazo. "De tres participacións en dúas trouxemos algo a ver se segue o refacho", explica o padelista.

Os únicos participantes non americanos
Jaime Blanco e David Martín "serán os únicos participantes non americanos", pero non é de estrañar xa que se trata dun deporte con moi pouco nivel de participación.

"Cando empecei a moverme neste tema eu a verdade pensaba que habería máis participantes ou algún participante, pero en Europa non había ninguén e é curioso porque a maioría dos deportes que se practican acaban tendo un grupo de participantes polo menos en España, xa non digo en Galicia", conta Jaime.

Sempre roldou a idea de formar un grupo, pero o problema reside na saturación de oferta e que a xente se centra noutras modalidades. "Entre o fútbol, correr e o paddle xa se comen moita xente".

O que segue sendo unha sorpresa para Jaime é a falta de nacionalidades nas Vegas. Os de Pontevedra parecen ser os únicos que se desprazan ao Campionato do Mundo desde o outro lado do charco.

"É raro porque o normal é que apareza alguén máis, hai mais practicantes noutras partes do mundo que non sexa América, pero se é estraño que sigamos sendo os únicos que imos desde aquí", comenta o padelista, Jaime Blanco.

Comentarios