Luisito, antídoto da presión para o Pontevedra

"Este é un deporte e hai que gozar, se saes a Riazor a sufrir é o teu primeiro fracaso", ▶ "A min gústanme os retos", analiza o técnico do Pontevedra, optimista de cara ao derbi
Luisito rodeado por Jorge Fernández, Álex González e Imanol García no adestramento de Xeve. GONZALO GARCÍA
photo_camera Luisito rodeado por Jorge Fernández, Álex González e Imanol García no adestramento de Xeve. GONZALO GARCÍA

Luisito é un dicionario que escribe unha nova entrada en cada rolda de prensa. Este venres foi o día da presión: a presión sobre o terreo de xogo non, a presión sobre a mente. Esa que se supón que terán o Deportivo e o Pontevedra este domingo a partir das sete da tarde por gañar tres puntos que lles permitan seguir soñando cos seus obxectivos.

"Eu non sinto presión. Non sei o que é iso", explica filosófico o teense. "Gústanme as emocións fortes", replica, lembrando algo que é ben sabido. Un home que se xoga o tipo para dirixir un partido de fútbol como el fixo hai quince días non é dubidoso nese senso.

Luisito camiña polo límite da burbulla para comparar o que acontece dentro e fóra dela. "Que é a presión? Que alguén mo explique. Fas o que che gusta. Cobras e cobras ben… Presión é o pai que se deita o domingo e ten que erguerse un luns sen ter onde ir traballar. Iso si que é presión".

Por iso, o técnico non quere oír falar dos pascales que soportan as cabezas dos seus homes. Quere sorrisos desafiantes sobre o céspede da Coruña. "Este é un deporte e hai que gozar. Se saes a Riazor a sufrir é o teu primeiro fracaso".

"Estes son partidos para futbolistas de verdade. E eu teño deses xogadores"

E nesa virtude cimenta as posibilidades de gañar o derbi. Niso e na posta en práctica do traballo diario, nos adestramentos que leva preparados, no plan de partido. "Por como vexo aos futbolistas, vou super-tranquilo a xogar contra o Deportivo: que é un equipo e unha institutición enorme, pero nós tamén o somos".

O discurso pode ser confuso como a Crítica da Razón Pura de Kant. De non saber o que é a presión, pasa a convertela en alimento do seu motor antes do partido deste domingo. "Para ir a un equipo no que non teña presión, non vou. Gústanme os retos complicados".

Porque cando di presión, quere dicir esixencia. E esa encántalle. É o seu sustento. "Se me pregunta se prefiro estar no Pontevedra ou noutro equipo onde estar máis cómodo, direille no Pontevedra. Toca sufrir, pero estou habituado e non me preocupa. Vin ao Pontevedra porque quero estar onde me atope máis a gusto. Non son parvo e sabía que o Pontevedra estaba nunha situación complicada e que se non, non me chamarían esta temporada".

Pero non é cuestión só de crer en el mesmo, senón que pon a man no lume polos seus guerreiros. "Imos a Riazor. Sempre digo que estes son partidos para futbolistas de verdade. E eu teño eses xogadores no meu plantel. Así que lle teño moito respecto ao Deportivo, pero medo, cero".

"É o único equipo dos 10 que ten presión, non por xogar na Pro, senón por ascender"

DEPORTIVO. E xa que se fala de pascales e da presión, hai un capítulo enteiriño adicado ao Deportivo, que hai 20 anos celebraba Ligas e Copas e agora "é o único equipo que ten presión de verdade, non por xogar na Pro, senón por ascender. E, salvo milagre, non vai pasar iso", anuncia o preparador teense, que lembra que "futbolista por futbolista, ten dous equipos de Segunda B. Moitos dos seus xogadores polos en Primeira División e dan un nivel impresionante, pero a Segunda B é totalmente diferente".

A Segunda B é a Cinsenta do fútbol español. Non loce tanto, pero oculta grandes talentos. "Sempre o dixen hai futbolistas que en Primeira renderían a un bo nivel. Pero non hai sitio para todos. O fútbol son momentos. Hai quen o aproveita e ten fortuna e hai quen queda atrás e ten que xogar en Segunda B, pero non por iso é mal futbolista".

O de Teo sabe que a Segunda B da boas doses de realidade de cando en cando. "A que adestrador non lle gustaría ter a eses xogadores que ten o Deportivo? Agora tócalles sufrir o mesmo que a nós. Futbolista por futbolista é o mellor equipo de toda España, de tódolos grupos. O que pasa é que as temporadas ás veces se atravesan de mala maneira e a eles atravesóuselles. E custa saír".

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios