Luisito e o partido trampa: o perigo do Covadonga

O adestrador do Pontevedra advirte dos perigos de non respectar ao Covadonga, pechacancelas e seguinte rival granate ► "O futbolista que xoga presionado é o candidato ao fracaso. Comigo van xogar os fortes mentalmente" 

Luisito seguindo o adestramento dos seus xogadores en Xeve. RAFA FARIÑA
photo_camera Luisito seguindo o adestramento dos seus xogadores en Xeve. RAFA FARIÑA

Luisito non xoga con caralladas. Está moi seria a cousa co destino do equipo granate como para pensar que os rivais veñen de turismo á cidade. Por iso, non quere sorpresas nin relaxación contra o Covadonga, rival que comeza a fase da permanencia como pechacanelas.

"Hai que terlle moito respecto. Equivocámonos se cremos que o nome do Pontevedra é moito mellor có do Covadonga. Xa sería o primeiro erro. Iso non o podemos consentir", advirte o teense, sabedor de que o conxunto asturiano xa protagonizou máis de unha sorpresa na primeira fase.

"Foi un rival que empatou en Burgos cando perdía 2-0, que foi quen de gañarlle á Cultural Leonesa e de empatar en Xixón despois de ir 3-1. Demostra que é un equipo que cre no que fai e ten moito mérito", expresa o preparador do cadro granate.

Ademais, Luisito sabe que o Covadonga xoga sen freo de man, para o bo e para o malo.

"O que máis preocupa, con tódolos respectos para o Covadonga, é que eles non xogan coa mesma presión que podemos ter nós. Pero como do tema da presión xa é coñecido o que penso, o que debemos facer é demostrar que somos un equipo gañador e un equipo con nivel", manifestou o responsable do banco de Pasarón, que se desfixo en eloxios cara o once asturiano.

"É un rival ao que admiro, que ten un mérito tremendo de estar a competir ao nivel ao que o está a facer". 

Na súa análise, o adestrador granate, analiza os homes máis relevantes do adversario: "ten xogadores que estaban en Terceira, pero que eran de Segunda B. Fichou a Artabe, central que pode xogar por diante da defensa e que ten moitísimo nivel e estivo en outras categorías superiores. No medio campo a Jaime e José Luis, Secades... Diego pode xogar en banda e en punta, é un xogador moi xeneroso. Javi Martón... O noventa por cento do bloque é o da temporada pasada", resumiu o teense na rolda de prensa previa ao partido, adiantada a este xoves. 

Pero Luisito non só avisou dos perigos do contrario. Tamén lles pediu aos seus xogadores valentía e confianza nas súas posibilidades. "O equipo ten que estar ben. Non queda outra. Todos temos que mirar o noso embigo, baixar a cabeza e pelexar os 90 minutos". 

E nese senso, Luisito fixo fincapé en "darlle moita importancia ao balón. Quero futbolistas valentes, que se erran volvan pedir a pelota e intentalo. É a única maneira de obter o obxectivo. Xogarán os que máis ilusión teñan e máis queiran o balón". 

PRESIÓN. O adestrador do Pontevedra recoñeceu que a presión é un inimigo para os seus pupilos.

"O futbolista que xoga presionado é o primeiro candidato ao fracaso. Unha faceta que dominas non podes afrontala con medo", analiza.

O técnico é comprensivo con respecto ao baixo estado de ánimo do seu colectivo. "Cada un leva as cousas á casa e dalle moitas voltas. Pero eu creo que alguén tería presión se fixese algo que non dominase. E comigo van xogar os fortes mentalmente, non os febles", anunciou.

Nese senso, Luisito admitiu que quedou un pouco decepcionado polo resultado do partido contra o Guijuelo, pero tampouco quixo darlle máis voltas.

"Quedei un pouco enfadado en Guijuelo porque fixemos o máis difícil. Encaixamos un gol por un erro humano, pero logramos empatar. Tiñamos o partido totalmente cara nós e cometemos un erro garrafal que nos custou o partido. Por iso quedei moi disgustado. Non contaba, sinceramente, por como estaba a transcorrer a segunda parte, de perder o partido. Agora hai que apartarse diso e pensar só nesta fase que van ser oito partidos tremendos, nada máis". 

Nesa liña, o preparador, centrado no futuro máis que no pasado, non se manifestou ao respecto de se había ou non plantel para estar xogando a liga polo play-off.

"Non son quen para opinar sobre ese tema. Só podo falar dos partidos que levo dirixidos. E estou moi contento con eles", asegurou para rematar.

Borja Martínez, a única dúbida
Borja Martínez é a única dúbida de Luisito para o partido do domingo entre o Pontevedra e o Covadonga. A participación do xogador madrileño será unha incógnita ata a véspera do partido ou mesmo ata momentos antes da disputa do mesmo.
Dase a circunstancia de que os problemas do plantel se acumulan nunha mesma zona do campo, xa que Imanol García perderá o partido fronte ao cadro ovetense por sanción. O xogador vasco viu o quinto cartón amarelo do ciclo sancionador no partido perante o Guijuelo da primeira fase e non se vestirá de curto. Adrián Cruz e Damiá Sabater parecen os mellor colocados para xogar no medio.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios