Lydia Pérez queda fóra do Campionato do Mundo Sub 23 de loita libre

A loitadora do Club Loita Pontevedra tivo que enfrontarse na rolda de cualificación do seu peso, ata 62 quilos, á competidora de Italia Aurora Campagna

Lydia Pérez. DP
photo_camera Lydia Pérez. DP

A loitadora pontevedresa Lydia Pérez, do Club Loita Pontevedra, non tivo sorte na estrea no Campionato do Mundo Sub 23 de loita libre que se está celebrando en Romanía estes días.

A loitadora tivo que enfrontarse na rolda de cualificación do seu peso, ata 62 quilos, á competidora de Italia Aurora Campagna, unha rival de calidade tendo en conta que chegaba a esta cita mundialista como terceira clasificada no recente Campionato do Mundo de categoría júnior.

O combate foi igualado, pero os xuíces da pelexa determinaron que a italiana se impuxese por 3-2, o que deixou fóra de toda opción de medalla á pontevedresa.

A competidora italiana superaría posteriormente a rolda de oitavos de final, pero despois caería na rolda de cuartos de final.

Non ten sorte a integrante do Club Loita Pontevedra na cita mundialista de loita libre feminina tendo en conta que é o segundo ano consecutivo que compite nesta proba intercontinental, xa que en 2017 tamén acudiu e non puido acceder ás roldas definitivas polos postos de podio.

Para Lydia Pérez esta cita do Campionato do Mundo Sub23 de loita libre feminino debe supón un punto máis de experiencia. Todo o que está a aprender a nivel internacional nos últimos anos está a servirlle de coñecemento de face a próximos retos deportivos. Hai que ter en conta que Lydia Pérez conta con 20 anos e aínda ten moito camiño que percorrer, non só a nivel nacional, onde é sempre solvente, senón tamén internacional.

Comentarios