Maite Méndez: "Cada partido é decisivo, cada partido é un libro por escribir"

Nunha temporada atípica, con grandes condicionantes extradeportivos, o Arxil, adestrado por Maite Méndez, busca o triunfo no derbi contra o Cortegada do próximo sábado para espantar a pantasma do descenso e afastarse dos últimos lugares da clasificación.

Maite Méndez. DAVID FREIRE
photo_camera Maite Méndez. DAVID FREIRE

Decepcionada con algúns aspectos non estrictamente deportivos que están a ser unha mochila pesada para o Arxil, confiada na capacidade de mellora do seu equipo e intentando restar dramatismo ao que falta de campionato, a adestradora Maite Méndez analiza o que vai de temporada e o que vén, principiando polo derbi contra o Cortegada en Vilagarcía. 

Como denominaría o partido da fin de semana? Chega á categoría de final? 
Cada partido é decisivo e pode ser moi relevante para permitirnos abandonar os postos de abaixo da táboa. Cada partido é un libro por escribir. 

Que encontro lle convén ao Arxil? 
Esta temporada os dous equipos demos a cara e a cruz nos nosos enfrontamentos. En Copa gañamos con facilidade, pero en liga foron elas as que se impuxeron con claridade. En calquera liga, coa cantidade de partidos que se disputan, sempre hai moitas diferenzas entre uns encontros e outros. Cada un é un mundo diferente ao anterior, e máis cos condicionantes aos que estamos expostos tódolos equipos. Obviamente gustaríame un partido cómodo, no que marcasemos diferenza desde o principio. Pero non creo que vaia darse. 

Que ten que facer o seu equipo para que suceda iso? 
Hai que facer un xogo do mesmo nivel ddefensivo dos últimos encontros. Temos que estar moito máis centradas ata o final que en outras ocasións, lograr un encontro sen lagoas no xogo. Debemos mentalizarnos de que temos que xogar para gañar. En moitos outros casos, cando se nos van no marcador e recuperamos, non temos convición de que podemos vencer e cometemos erros que nos condicionan á hora do resultado final: erros de ansiedade e precipitación que nos levan a non materializar a vitoria. Por iso este duelo temos que afrontalo sen ansiedade, traballando desde o primeiro minuto ata o último e sendo conscientes de que todo pode pasar. 

Ata agora gañaron case tódolos partidos contra equipos de abaixo. O Cortegada é un rival desa liga. Iso dalles confianza? 
Non. Este ano a clasificación é irreal. Hai equipos de abaixo que perdemos por pouca diferenza moitos partidos e que sufrimos algún condicionante externo non inherente a nós. Ao mellor, con dúas vitorias máis estaríamos na metade da táboa. Penso que todos temos potencial. Cortegada tamén o ten. Pero non nos saíron as cousas. No noso caso, contra os da parte alta da táboa faltounos control de ansiedade e o acerto na materialización de algunha canastra final. Mesmo houbo mala sorte. Motivámonos contra os que van da metade para arriba. Pero tamén é unha motivación para nós este partido ou os de Canarias. Tódalas vitoras valen o mesmo, por iso temos que mellorar nesa ansiedade para ser máis efectivas. Fáltanos un partido completo de todo o equipo para crer en nós. 

Competimos en inferioridade. Estou dececpcioinada con iso. Non se valora ao club como marecemos

Esperaba máis de Sara Castro e Noelia Masía? 
Son rapazas novas e cometen erros como as demais. Teñen moita calidade e van ser excelentes xogadoras. Pero neste momento necesitamos máis que nunca da súa achega, a nivel de ataque e defensa. Sobre todo precisamos ser un equipo completo para gañar partidos. 

Que sensacións lle ofreceu Samra Omerbasic no primeiro partido? 
Ten moito potencial, pero ten que coller confianza e está falta de ritmo. Iso lévaa a cometer erros. Pero con dúas semanas máis terá o nivel de confianza de saber que imos xogar con ela e que ten que asumir balóns importantes. 

Está decepcionada polo clasificación e o rendemento do equipo? 
Non é o momento de valoralo. Quizais si estou decepcionada con todo o que rodea ao baloncesto este ano. 

A que se refire? 
Á cantidade de trámites para poder adestrar e xogar. Ao trato que recibes durante os partidos. Á falta de compromiso de algún club coa situación actual... Cando levas tantos anos no banco, decátaste de que isto depende de moitos factores e persoas que inciden nos partidos e que ás veces non podes controlar. Con iso estou un pouco decepcionada, de que non se valora ao club como merecemos. 

Cal é o obxectivo no que falta de temporada? En que aspectos quere mellorar? 
As perdas son algo que me preocupan e traballamos para controlalas. Preocúpame o estado físico a nivel individual. Está a ser dura a temporada en canto a falta de adestramentos, algo que nos fai competir en desigualdade contra outros clubes que teñen instalacións propias ou con máis disponibilidade. Nós non podemos. E iso cercena a marcha do equipo. Estamos a padecer lesións musculares que non lembraba desde había moito tempo... nunca neste equipo. 

Falando de lesións. Como está Maria Lago? Poderá xogar o sábado? 
Ata o xoves á noite non decidiremos nada. Tomaremos unha decisión colexiada entre o médico, o fisio e o corpo técnico. Reunirémonos con ela, que ten moito que dicir. Ela non viaxou a fin de semana pasada, aínda que quería, pero non era o máis recomendable para a súa recuperación. Vai ben, pero aínda é pronto para saber se estará. 

Sería unha excelente nova para vostede, xa que é unha xogadora fundamental nos seus esquemas? 
Si. Pero estamos nun momento no que non podemos ser dependentes de ninguén. Fomos quen de sacar o partido contra o Rosalía sen contar coa súa participación. Temos que dar un paso adiante entre todas para demostrar que somos un equipo no que tódalas compoñentes son importantes. Ao final precisamos ser máis equipo ca nunca.

Comentarios