Manías que axudan a triunfar

Kevin aférrase aos seus rituais nunha das súas mellores temporadas como granate

Kevin, coa braga na cabeza e o pé dereito diante do esquerdo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Kevin, coa braga na cabeza e o pé dereito diante do esquerdo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Kevin Presa comezou a poñer a braga na cabeza por contaxio de Edu Sousa. O arqueiro tudense adoptou o hábito de adestrar coa prenda por gorro hai varias temporadas. El deixou de facelo, pero o ponteareán colleulle o relevo. E como non lle ía mal de todo coa moda, decidiu non cambiar de rutina.

"Cando vaia moita calor, seguramente a quitarei, porque non creo que aguante", afirma o centrocampista, que é un home cos seus rituais, aínda que el prefire matizar a denominación. "Teño, máis ca manías, costumes. Sempre poño a canilleira dereita antes cá esquerda, a bota dereita antes cá esquerda...".

E, por suposto, ten un amuleto, que en realidade son dous, agasallos da súa sogra polos dous últimos aniversarios e que coida con moito mimo. "Teño dúas pulseiras: casualmente houbo dúas semanas que non as puxen e quizais foron os meus dous peores partidos deste ano".

A raíz de aquilo, non volveu permitirse o luxo de esquecelas. "Sempre que as poño, vai todo bastante ben. Quizais é unha pequena manía. Teño falado disto coa moza e cos pais. Cando ven que non as levo, xa mo lembran. Cando as cousas van ben, mellor non cambialas".

Sobre o play-off: "É algo que temos moi preto e nos axuda a afrontar os partidos. E despois, nas últimas cinco semanas, veremos se é posible"

Teñan ou non algo que ver a braga, as pulseiras, as botas ou as canilleiras, o Kevin da actual temporada está a revivir os seus mellores momentos co Pontevedra. "Sempre creo que podo dar moito máis", expresa, esixente con el mesmo.

"Pelexo cada día por conseguilo. Comparado co ano pasado, estanme a saír as cousas, estoume a atopar moito mellor. Agora levo un mes no que non estou tan ben coma antes, debido tamén ás lesións, pero conto con poder chegar ao final da temporada en plenas condicións", manifesta o medio centro ponteareán.

E ademais do rendemento individual, a súa escadra está a atopar o nivel colectivo que desexaba. El si se atreve a falar do play-off e recoñece que é un tema de conversa no vestiario. Pero non entendido coma un lastre, senón como un incentivo. "Claro que se fala. Aínda que non sexa unha imposición, un obxectivo obrigado, pero si é unha ilusión. Non falar de play-off é imposible cando tes unha clasificación moi boa e moitas posibilidades de estar aí. Temos que pelexar por iso, sen volvernos tolos", asegura o medio centro, sabedor de que hai planteis no grupo I de Segunda B que están por enriba do do Pontevedra.

"O que estou a vivir hoxe é algo que nin imaxinaba e que daquela vía moi lonxe. Teño a sorte de poder formar parte deste equipo" 

Cinco anos. O futbolista leva xa un lustro vestindo a elástica do equipo pontevedrés, desde que debutara ás ordes de Manu Fernández na campaña 2013-14, un 17 de novembro en Pasarón, contra o Cerceda. "Saín 15 minutiños. Lembro que tiña moito nerviosismo. Unha vez no campo custáronme os primeiros cinco minutos, pero despois atopeime moi ben. O primeiro día co primeiro equipo sempre o lembras con especial cariño".

Agora non é só un xogador máis. É parte da alma do conxunto de Luismi. Un elemento imprescindible para entender o carácter competitivo do colectivo nos últimos tempos, algo que, botando a vista atrás, a cando chegou ao Pontevedra, a el mesmo lle resulta difícil de crer.

"Sobre todo despois do que pasara coas lesións e dun ano sen poder xogar ao fútbol por problemas burocráticos no club no que estaba (no Noja, cando tiña 17 anos). O que estou a vivir hoxe é algo que nin imaxinaba e que daquela vía moi lonxe. Teño a sorte de poder formar parte deste equipo, de ter vivido grandes momentos como o ascenso a Segunda B. E gustaríame vivir outro play-off e, por que non, outro ascenso".

E sendo sincero, non o ve tan complicado. "É algo que temos moi preto e nos axuda a afrontar os partidos. E despois, nas últimas cinco semanas, veremos se é posible", afirma.

Para seguir crendo, hai que bater ao Fuenlabrada, o domingo, en Pasarón. Un rival de altura. "Estes son os partidos que calquera xogador quere disputar. É o líder, pero xa demostramos o ano pasado que podiamos derrotalos cando nos visitaron. Este ano fomos á súa casa e gañamos tamén. Temos que telo en conta á hora de afrontar o partido: somos capaces de derrotar a calquera".

Comentarios