Manolo Barreiro, Premio HQR! Almansa 2019

O galardón chégalle como recoñecemento a toda unha vida ligado ao fútbol pontevedrés
photo_camera Manolo Barreiro. GONZALO GARCÍA

Cada ano centos de deportistas cítanse en Pontevedra para gozar de cada unha das actividades que reúne a Festa HQR! durante varios días antes de despedir o ano. Xornadas nas que os nenos e nenas do deporte basee gozan da súa paixón.

A mesma paixón que Manuel Barreiro Lores vive desde pequeno polo fútbol, deporte ao que estivo ligado durante toda a súa vida. Anos e anos tanto no campo, como nas bancadas ou nos despachos fixéronlle ser merecedor do Premio HQR! Almansa 2019. Un recoñecemento co que sente "moi satisfeito" e que recollerá na cerimonia de clausura da Festa HQR! deste domingo.

"Non me perdo nin un partido do Pontevedra. Son granate de nacemento e granate para"

Manolo Barreiro non recorda nin un momento da súa vida sen o fútbol. Desde pequeno xa acudía a Pasarón a ver ao seu amado Pontevedra, do que é o socio número tres. Incluso se podería dicir que o campo pontevedrés é a súa segunda casa, situado a tan só cincuenta metros de onde transcorreu a súa infancia. "Eu nacín en Pasarón", asegura este granate de honra. Pero aínda que lle gustaba e coñecíase todos os recunchos do antigo campo, que nada tiña que ver co de agora, nunca chegou a xogar co equipo dos seus soños, senón que, ás veces, "o que facía era marcar o campo". Aínda que si que gozaba da súa paixón en partidos con amigos nos que o balón era de trapo feito con medias e o único que importaba era xogar e gozar do fútbol. Pero desde eses días Barreiro asegura que "o fútbol evolucionou moito".

Co tempo a súa afección por este deporte, o que asegura que é o seu único vicio, levoulle a traballar durante 57 anos na Federación Galega de Fútbol en Pontevedra. Primeiro, durante 38 anos, foi o secretario para, máis tarde, asumir durante outros 19 o posto de delegado, cargo que o mantivo sempre preto dos campos e da competición. Un traballo que para el significaba gozar. Aínda que asegura que naquel entón era moito máis difícil que agora, xa que "había que facelo todo a man". Un bolígrafo e unha máquina de escribir era todo o que tiñan para sacar adiante a competición. "Agora está todo informatizado e é todo moito máis fácil, agora dá gusto traballar aí", asegura Barreiro.

"Eu nacín en Pasarón, vivía a cincuenta metros do campo. Era como a miña segunda casa"

No 2011, xa con 86 anos, o pontevedrés cedeu o mando da delegación provincial da FGF, aínda que isto non o apartou do fútbol nin moito menos. A día de hoxe, xa como Delegado Honorífico, segue acudindo a actos e entregas de premios relacionadas con este deporte. Tantos anos vinculado ao fútbol e ao Pontevedra converteron a Manolo Barreiro nunha das figuras máis coñecidas polos pontevedreses no que a fútbol se refire.

Todos estes anos fixéronlle gozar e sufrir co Pontevedra nos altos e baixos polos que pasou o equipo. Pero sempre hai momentos que quedan gravados a lume na memoria como foi a época na que o Pontevedra xogaba en Primeira División e o Deportivo en Segunda.

"O traballo na Federación era máis difícil, había que facelo todo a man. Agora está todo informatizado e é moito máis fácil"

Xogador afeccionado, secretario e delegado da Federación. Foron moitos os lugares polos que pasou este pontevedrés. Poderíase dicir que soamente lle faltou pasar polo papel de adestrador. Aínda que non lle xurdiu a ocasión, el prefire deixar ese traballo a outros e asegura que "na miña época o mellor adestrador que houbo foi Vicente Rial, un cabaleiro do fútbol". Así é como Barreiro define ao adestrador arxentino, negando á súa vez que el mesmo o sexa nalgún momento. "Él tiña moita máis categoría no fútbol que eu".

Actualmente, a poucos meses de cumprir os 95 anos, Manolo Barreiro continúa coa súa paixón por este deporte e asegura que non me perdo un partido" do Pontevedra. Un habitual xa en Pasarón, como é de esperar. Como un granate máis acode a todos os encontros para animar e gozar do que foi, é e será sempre o seu equipo. E é que, como el mesmo di, é "granate de nacemento e granate para"sempre .

Comentarios