As motos levantan paixóns en Marín

Toca ao seu fin a décima edición da concentración moteira Vila de Marín, organizada polo club Free Bones Bikers

A X edición da concretación de motos ‘Vila de Marín péchase hoxe tras unha xornada de onte na que os amantes das dúas rodas apropiáronse do centro do municipio. De 10.00 a 11.00 horas os inscritos poderán almorzar nos locais que colaboran coa organización. Narcís Roca volverá facer unha exhibición de ‘stunt’ ás 12.00 horas para, finalmente, clausurar a concentración unha hora máis tarde cunha sesión vermú e unha entrega de trofeos a algúns dos asistentes. Todo isto sucederá baixo a carpa de 450 metros cadrados instalada no aparcadoiro próximo á Escola Naval.

A tarde do sábado comezou con varias actividades, desde atraccións inchables ata xogos populares, pasando por un touro mecánico. DJ Gramola e o seu rock & roll foron os encargados de darlle un toque musical ao evento. Tras uns petiscos na carpa chegou a exhibición de Narcís Roca, que acaparou a atención e os aplausos dos asistentes co seu espectáculo de ‘Stunt’.

Logo da cea chegou a hora de homenaxear a aqueles que faleceron na estrada este ano. Os motoristas fixeron unha ruta ao redor do centro urbano portando fachos no seu recordo. Esta vez non foi posible facer o habitual percorrido ‘mototurístico’. O club organizador, Free Bones Bikers, preferiu non perturbar o tráfico diúrno en plena operación saída das vacacións de verán.

Esta concentración moteira, que conta co apoio do Concello, consegue congregar a unha gran cantidade de afeccionados ás dúas rodas e reactivar o comercio local durante o fin de semana.

Comentarios