O Mundioma Peixegalego reactiva a pelexa polo liderado contra o Chantada

► O triunfo do equipo de Javi Llorente en Lugo permítelle colocarse a unha vitoria dos chantadinos, co coeficiente particular gañado, cando restan tres xornadas para o final da temporada regular 

 

Javi Llorente durante un tempo morto do Peixegalego. GONZALO GARCÍA
photo_camera Javi Llorente durante un tempo morto do Peixegalego. GONZALO GARCÍA

O propietario do liderado do subgrupo AB da Liga EBA non está decidido. Tal trofeo vale o seu peso en ouro, porque garante a praza directa na fase final polo ascenso. 

Co brillante triunfo en Chantada, o Mundioma Peixegalego obrigará ao bloque lucense a vencer os tres partidos que lle restan para facerse co título do grupo. 

Os chantandinos teñen un calendario relativamente esixente nas tres tiradas definitivas. Polo de agora só perderon tres partidos na campaña, dous deles diante do propio Peixe, a única escadra quen de vencer no Municipal de Chantada.

O Obradoiro Ames será o primeiro contrincante que deberá superar o equipo lucense. O filial do conxunto ACB leva catro partidos sen perder consecutivos e é un  dos mellores conxuntos da segunda volta. Acumula oito triunfos e dúas derrotas nos últimos dez choques. Só cedeu contra dous adversarios, o Círculo de Gijón en chan asturiano e o Peixegalego no seu feudo.

Actualmente é quinto na clasificación, sen opcións matemáticas de clasificarse para disputar o play-off polo ascenso. Así e todo, non deixou de competir e o crecemento do colectivo fai prever un duelo moi duro en Ames para o sólido líder.

O campión de grupo accede de forma directa á fase de ascenso, mentres que o segundo e o terceiro deberán gañar unha final four previa 

Despois, a dificultade redúcese relativamente para os de Carlos Noguerol e Daniel Stafanutto. Na penúltima semana reciben o Porriño BB, escadra que, ao contrario do que lle acontece ao Obradoiro, está en dinámica negativa, inmerso na pelexa pola permanencia. Rematan a domicilio contra o Corinto Gijón, un equipo que chegou a aproximarse aos lugares nobres da categoría, pero finalmente acabou desinchándose e ficando na zona tépeda da táboa, sen grandes aspiracións nin perigos.

O Peixegalego ten un calendario algo menos esixente có seu rival polo título. Non depende del mesmo para conseguir o seu obxectivo. Pero se non logra tres triunfos nos tres partidos restantes, verá como as súas opcións se reducen á nada.

Comezará o sábado no pavillón da Raña contra o Bosco Salesianos. Os ourensáns son sextos por abaixo, con nove triunfos, un máis cós cadros que están en posicións de descenso.

Despois, tocaralle viaxe a Ávila para enfrontarse ao Óbila, única escadra que venceu na Raña no que vai de campionato, no primeiro partido despois do Nadal, no que o Peixe ofreceu a súa peor faciana. Para rematar, outro equipo que pelexa pola permanencia, o Xiria de Carballo, na Raña. Para aquela xa debería ter garantida a súa continuidade na categoría, xa que lle leva dous triunfos de vantaxe ao cuarto pola cola. 

De meterse na fase final polo ascenso, o conxunto de Javi Llorente tería moitas opcións de cruzarse co filial do Real Madrid ou o Alcobendas e co filial do FC Barcelona

O obxectivo do Mundioma Peixegalego como o do Chantada é gañar o grupo para acceder de forma directa á fase de ascenso e evitar a final four preliminar.

O campión de cada subgrupo da conferencia accederá áos grupos finais polo ascenso como primeiro (o que mellor balance dos dous teña dentro do seu grupo) e segundo da conferencia A.

Pero os segundos e terceiros de cada subgrupo, o AB (o galego) e o AA (o vasco) xogarán unha final four na cancha do segundo do subgrupo AA (con case total seguridade será o CB Getxo). O gañador desa rolda será clasificado como terceiro da conferencia e pasará a xogar nun grupo polo ascenso formado polo campión da conferencia B (Real Madrid ou Alcobendas, os dous invictos ata agora), o campión da conferencia C (Mataró ou Barcelona) e o segundo da Conferencia E (Lliria ou Gandía). 
Soben os campións de cada grupo da fase final e os segundos que gañen un ulterior partido contra outro segundo de outro grupo desa fase final.

Comentarios