Un equipo de fútbol non volveu á nova normalidade ata que non realizou a súa primeira noite de hotel en época de pandemia. E iso foi o que fixo o Pontevedra a pasada fin de semana en Zamora.
O cadro granate desprazouse cun protocolo definido e estricto para "garantir a protección e a seguridade de todos", explicou Roberto Feáns, director deportivo do club e responsable de aplicación dos protocolos Covid19.
O equipo ponse en marcha despois de xantar. Manter as distancias de seguridade e portar tapabocas é esixible, así como o uso do xel hidroalcólico. Unha vez no autocar, a primeira diferenza con ocasións anteriores: debe haber máis do dobre de prazas que de xogadores para garantir as distancias. Sentar por parellas pasa a ser unha prohibición. A recomendación da Federación é o desprazamento de cada persoa de xeito individualizado, aínda que en circunstancias como as que afectan aos equipos de Segunda B é máis complicado poder facelo. O conxunto leva a cabo a viaxe en autocar, pero fiel aos protocolos.
A entidad granate intenta acurtar tempos de viaxe evitando paradas para facer comidas polo camiño. Os xogadores xantaron na casa
Xa na ruta, cada membro da expedición dispón dunha bolsa de merenda personalizada. Cada un terá a responsabilidade sobre ela. Os xogadores non poden descender do autocar para estirar as pernas e tampouco para outros cometidos. Só o poden facer para poder cumprir coas necesidades fisiolóxicas, o que afrontarán individualmente. O que queira acudir ao servizo deberá solicitalo e agardar a que o compañeiro que o fixo con anterioridade acabe e retorne ao autocar. O escusado funciona igual que o mercado de fichaxes: para que haxa entradas ten que haber saídas.
O club evita que o xantar se faga na ruta, aínda que iso implique saír e/ou chegar máis tarde .
Unha vez xa no hotel, o uso de habitacións individuais incrementaría o orzamento, polo que o Pontevedra opta por afastar as camas dos deportistas o máis posible unhas das outras e cumprir co requerimento das distancias.
O hotel na cidade castelá estaba baleiro, a total disposición para o uso dos expedicionarios do equipo granate
Ao igual que acontecía cando as paradas no autocar, os futbolistas non están habilitados para abandonar o hotel. Só o farán cando partan para ir xogar. O obxectivo é aillar os expedicionarios e limitar ao máximo os contactos con outras persoas alleas ao grupo. Hai que evitar contactos con outros inquilinos do hotel e nas comidas ou ceas ocupar as mesas con máis espazo interpersoal. En Zamora, o PCF tivo a sorte de que a hospedaxe estaba baleira, toda para o equipo.
Chega o momento do partido e hai que cumprir o protocolo do campo de destino. No caso do Ruta de la Plata, os xogadores suplentes do equipo granate ocuparon un espazo na bancada que obrigaba a dar un chimpo para acceder ao rectángulo e realizar o quecemento. Estaban relativamente próximo aos seareiros. Os equipos deben avisar aos seus anfitrións da hora de chegada ao escenario do enfrontamento para estar preparados para o seu acceso.
En Pasarón, o Pontevedra acotou a zona dos suplentes na bancada de Tribuna con barandas metálicas, cunha porta e unha escaleira para que poidan acceder ao céspede a quecer. O club dispón dun garda de seguridade para protexer aos deportistas dun posible intento de intimidación por parte dos seareiros.
"A Federación facilítanos probas gratuítas para os futbolistas do primeiro equipo. Pero os test para o corpo técnico, demais staff en contacto cos deportistas ou mesmo os futbolistas sen licenza co primeiro equipo que adestran co colectivo, corren da nosa conta", revela a ese respecto Roberto Feáns.
A entidade buscou a colaboración de laboratorios con probas homologadas para mercar os test precisos para todas as persoas que están baixo a súa responsabilidade. Desde un punto de vista económico, é o maior gasto para o club.