Noya dubida 'do seu' Mundial

"Non tiña previsto correr esa proba. E que agora a fagan Mundial e a unha distancia que non é a estándar é estraño", di o triatleta
photo_camera Gómez Noya (centro) adestrando este verán na Illa dás Esculturas.

Javier Gómez Noya está preto de renunciar, por terceira vez nos cinco últimos anos, ao Mundial de tríatlon. O deportista ferrolán, pontevedrés de adopción, non comparte a decisión da Federación Internacional de Tríatlon (Itu), que o pasado martes anunciou que convertía un certame que se defenía por etapas (as World Series) nunha única proba "final" con motivo da pandemia pola Covid-19. Será a que xa estaba prevista en Hamburgo (Alemaña), o sábado 5 de setembro.

"Non me parece xusto", declarou onte a Efe Gómez Noya, en relación á definición do campionato nun só un día. "Sinceramente, non estou seguro (sobre acudir). Terei que decidilo nas próximas horas, porque non tiña pensado ir a esa proba do Mundial. E non me parece tampouco o correcto o que fixo a Itu. Paréceme ben que se fagan carreiras; pero para facer un Mundial tes que asegurar que a xente poida competir en igualdade de condicións. E, agora mesmo, hai países que incluso non poden nin sequera viaxar a Hamburgo. Non me parece xusto", profundou o mellor triatleta da historia segundo os seus títulos, xa que é o único que acumula cinco ouros mundiais, ademais dunha presea de prata nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.

Noya recoñeceu que "non tiña previsto correr esa proba" e recalcou o seu rexeitamento a que a carreira de Hamburgo, que ademais será en distancia sprint (750 metros a nado, vinte quilómetros en bicicleta e cinco máis de carreira a pé), supoña a resolución de un campionato que non se decide nunha soa carreira desde o ano 2008. Precisamente aquela edición que marcou o inicio do reinado de Noya, pois nese curso conseguiu o seu primeiro ouro. "Que agora fagan esta proba Mundial nun día e a unha distancia que non é a estándar, que sería a olímpica (1.500 metros a nado, 40 quilómetros en bicicleta e 10 máis de carreira) paréceme unha cousa un pouco estraña", lamentou o triatleta, que finalizou: "Están a avisar de que temos un Mundial con dez días de antelación".

INSCRITO. A pesar das dúbidas de Javi Gómez Noya, o seleccionador español, Iñaki Areal, decidiu inscribir ao pontevedrés en previsión de que finalmente cambie de opinión e decida competir en Hamburgo. "Javi non ten previsto ir, en principio, pero onte (polo martes) inscribino, polo si ou polo non. Ata o martes todo eran rumores e non foi ata entón cando se anunciou que o mundial se decidía nunha soa proba e dentro de dous fins de semana", explicou a Efe Areal. "A súa idea, en principio, era adestrar ata setembro e logo descansar antes de preparar a próxima tempada", indicou o seleccionador acerca dos plans de Gómez Noya.

Deste xeito, Mario Mola, triplo campión do mundo, e Fernando Alarza –bronce en 2016 e cuarto o ano pasado- liderarán o equipo español que competirá no Mundial de tríatlon. Completarán o equipo español o vigués Antonio Serrat e o valenciano Roberto Sánchez Mantecón. En mulleres, as elixidas son Miriam Casillas, Ana Godoy, Sara Pérez e Xisca Tous.

Dúas renuncias e un pleno de once medallas desde o ano 2007

A lenda de Javi Gómez Noya forxouse a través de numerosas vitorias en diferentes campionatos e modalidades, pero o Mundial de tríatlon foi a competición que lle elevou á categoría de lenda.

O deportista comezou co seu idilio mundialista en 2007. Con strong<> 24 anos, conseguiu o seu primeiro metal: unha prata. En 2008 chegou o primeiro dos seus cinco ouros (logrou outro en 2010 e tres consecutivos entre 2013 e 2015).

Deste xeito, Noya logrou once metais nas súas últimas once participacións no Mundial. Nos últimos 13 anos, tan só renunciou dúas veces: en 2016 para preparar os Xogos (lesionouse pouco antes do evento) e en 2018 para competir en longa distancia.

Comentarios