O Arxil prepárase para a nova tempada

O equipo dirixido por Maite Méndez comezará o adestramento de pretemporada o vindeiro luns cunha esixente posta a punto

Imagen de archivo del equipo.
photo_camera Imaxe de arquivo do equipo. DP

O Club Baloncesto Arxil comeza os adestramentos de pretempada o vindeiro luns. Salvo as xogadoras Aldara Vázquez e Noa Casaldarrey, espérase que no primeiro adestramento tras en parón de verán estean todas as xogadoras dispoñibles.

Nas primeiras sesións de traballo, Maite Méndez e Magín Méndez centraranse na "posta a punto individual das xogadoras, que collan ritmo e traballen a súa técnica, porque os aspectos colectivos aínda non os podemos aplicar ata que se incorporen todas as deportistas e todas collan un pouco de rodaxe". Ademais das compoñentes do equipo de Liga Feminina 2, tamén se exercitarán co conxunto as do Arxil Mafari Café e algunha júnior.

Desde a dirección deportiva xa están a traballar na confección do calendario de partidos de pretempada. A día de hoxe están confirmados algúns duelos: os clásicos de Copa Galicia ante Celta de Vigo, Cortegada e Maristas Coruña, e un amigable contra o Rosalía Pío XII, que este ano xoga en Primeira Feminina. Este último encontro disputarase no CGTD, posiblemente o fin de semana do 29 e 30 de setembro, sempre que o Arxil non se clasifique para as semifinais da Copa. O conxunto de Maite Méndez comezará a competición ligueira o 7 de outubro ás 12.00 horas no CGTD ante o Mataró.

Por outra banda, tamén comezan a actividade algúns dos equipos de base. Este domingo ás 12.00 horas no Pavillón Universitario, o equipo infantil recibe ao Burela co obxectivo de sumar unha vitoria que lle achegue á meta de recuperar a praza na Primeira División Galega Feminina.

Pola tarde será a quenda do Arxil A de categoría cadete, que disputará un encontro ante o Maristas da Coruña co mesmo obxectivo das cadetes: conseguir a primeira vitoria. Estes encontros tamén servirán para continuar coa captación de xogadoras novas para o equipo, co obxectivo de seguir crecendo.

Comentarios