O Pontevedra volve á carga

O equipo de Luisito afronta dúas semanas de preparación para o regreso á Liga o 8 de xaneiro
Los jugadores realizando ejercicios ante la mirada de Luisito en el regreso a los entrenamientos, en Príncipe Felipe
photo_camera Los jugadores realizando ejercicios ante la mirada de Luisito en el regreso a los entrenamientos, en Príncipe Felipe

O Pontevedra regresou este luns ao traballo tras o parón motivado polas festas do Nadal. O equipo granate exercitouse no campo da Cidade Infantil Príncipe Felipe, este martes e mércores farao no campo da Seca de Poio e o xoves en Burgáns, antes da disputa do partido amigable con carácter benéfico que o enfrontará ao Compostela na Estrada e que servirá para despedir o ano 2016.

O parón da liga non era tan prolongado como o actual desde a campaña 2011-2012, na que o cadro de Pasarón estreábase en Terceira División, logo de sufrir o descenso de Segunda B. Do mesmo xeito que agora, o conxunto pontevedrés pechou a primeira volta da liga o 18 de decembro como local en Pasarón e reiniciou a campaña no seu campo, ao comezo da segunda volta, o 8 de xaneiro.

Luisito, que é un técnico ao que lle gusta ter un control exhaustivo sobre todos os aspectos que poden afectar o rendemento do seu equipo, recoñeceu que non lle agrada a idea de estar tres semanas sen competir. "Non me gusta parar, porque é unha incógnita o que vas atopar non regreso. Xa o era con dúas semanas, canto máis con tres de descanso. Depende moito da mentalidade dos xogadores, de que sexan quen de centrarse no obxectivo que temos de estar entre os mellores. Non hai mellor cousa para que se volvan enganchar ca iso. Estamos entre os catro primeiros, algo co que ninguén contaba. Máis premio para un deportista que a ilusión de pelexar cos mellores non pode haber", explica o técnico esperanzado con atopar a resposta adecuada dos seus xogadores nos partidos, que volverán o 8 de xaneiro.


O técnico granate recoñece que non lle agrada demasiado o parón: 
"É unha incógnita o que vas atopar no regreso á competición"


O teense preferiría xogar incluso nestas datas, pero é consciente de que en España iso non é posible. "O convenio dos xogadores é así: o Nadal é para estar coa familia".

Iso si, imaxina que non será o único ao que non agrada demasiado o impás de inverno. "A mesma incertidume que teño eu, téñena tódolos adestradores, que non saben con que equipo se van atopar", explica.

NON PARAR. Luisito sabe que as dúas semanas de preparación que afronta agora a súa escuadra pasarán voando. "Cando nos decatemos, xa estaremos xogando o primeiro partido da segunda volta. Isto non para", recorda.

O adestrador teense mostrouse moderadamente satisfeito do estado en que regresaron os seus homes. "Estou contento. Sei como son e eles coñécenme. Quero que dean o máximo rendemento e para conseguilo teñen que coidarse coma profesionais".

Segundo a percepción do técnico, non houbo excesos co turrón e a champaña na semana de vacacións de que dispuxeron os deportistas.

"Pedinlles que desconectasen de cabeza e seguro que o fixeron e se esqueceron de min durante esta semana", chanceou a ese respecto o preparador, que anunciou que a primeira semana de traballo será de carga física e a segunda, de traballo técnico-táctico enfocado ao Pontevedra - Guijuelo do domingo 8 de xaneiro.

"Imos empezar unha segunda volta ilusionante e non quero que a xente se durma. Para poder competir contra os mellores ata o remate temos que converter en ouro cada minuto que disputemos. É a baza que imos xogar e temos que empezar a xogala desde hoxe (por este luns)", comentou ao final da sesión o adestrador do cadro pontevedrés.

Comentarios