viernes. 10.07.2020 |
El tiempo
viernes. 10.07.2020
El tiempo

O récord agridoce de Edu

Edu Sousa se dispone a pasar el balón a Mouriño en el choque en Pasarón frente al Real Valladolid B. RAFA FARIÑA
Edu Sousa se dispone a pasar el balón a Mouriño en el choque en Pasarón frente al Real Valladolid B. RAFA FARIÑA

O porteiro tudense bateu a plusmarca histórica do Pontevedra sen encaixar un gol en Liga de Segunda B, con 518 minutos, no partido contra o Guijuelo, que o equipo granate perdeu (3-0)

Edu Sousa bateu outro rexistro de imbatibilidade. O porteiro do Pontevedra converteuse o pasado domingo no que máis minutos estivo sen encaixar un gol en Segunda B da historia do club. O tudense superou o dato que conseguira Nicolas Bonis na primavera de 2007.

O rexistro tivo un sabor amargo por mor do xeito como se rompeu. O Pontevedra perdeu por 3-0 contra o Guijuelo, rachou unha xeira de cinco enfrontamentos sen perder e desaproveitou a ocasión de aproximarse máis aos postos que dan dereito a disputar a fase de ascenso.

A nova marca de Edu é de 518 minutos consecutivos sen ver perforado o seu marco. Comezou no minuto 83 do partido contra o Internacional de Madrid. Naquel encontro o Pontevedra perdera 3-0, o mesmo resultado que lle endosou este domingo o Guijuelo.

Cando semellaba que o equipo de Pasarón se atopaba nunha situación máis delicada a nivel clasificatorio e deportivo, o bloque da cidade do Lérez foi quen de reaccionar. Luismi incidiu na importancia de mellorar no aspecto defensivo e os seus homes aplicáronse para poñer en práctica as súas instrucións.

Como consecuencia, o bloque pontevedrés igualou 0-0 contra o Celta B nun partido que chegou nun momento delicado.

Á semana seguinte, o PCF venceu en Fuenlabrada (0-2) e comezou a afastarse da zona de perigo da clasificación.

O terceiro enfrontamento consecutivo sen encaixar foi contra o líder, a Ponferradina, que asinou unha igualada sen goles perante o bloque de Luismi (0-0).

A cuarta xornada seguida sen que o batesen serviulle a Edu para achegarse ao seu rexistro particular na Segunda B. O Pontevedra venceu (0-1) contra o Burgos, unha semana antes de bater ao Salamanca CF UDS (2-0).

501 MINUTOS DE BONIS. Edu xa alcanzara o seu propio rexistro de minutos sen encaixar na Segunda B. Levaba 457 e estaba a 44 de cazar a Bonis. Tiña que aguantar a primeira parte do envite fronte ao Guijuelo sen que lle marcasen para conseguir a plusmarca. E fíxoo. Finalmente sacoulle 17 minutos ao galo.

Só o campo maldito de Guijuelo puido con Edu Sousa. No Municipal da localidade salmantina xa lle meteran tres tantos no encontro da pasada temporada, no que o Pontevedra chegara a ir gañando por 0-3, pero acabara véndose igualado no desconto.

Desta volta, dous penaltis e un saque desde o curruncho puxeron fin á resistencia do gardarredes tudense.

A derrota granate empaña o novo rexistro na competición de bronce. As anteriores marcas tardaron once anos e medio en verse superadas. Edu agardará que a súa tarde algo menos en ser superada... por el mesmo.

A traxectoria Ituarte 1995, Bonis 2007, Edu 2018
A plusmarca de imbatibilidade do Pontevedra en liga de Segunda División B parece ter obsolescencia programada: once anos.

Edu puxo fin a un rexistro que databa da década pasada. Entre marzo e abril de 2007, Nicolas Bonis encadeara tamén cinco xornadas e dous anacos doutros dous partidos sen encaixar un gol.

Á súa vez, o porteiro de Wissenbourg (Alsacia, Francia) batera a marca de Ituarte, que tiña once anos e medio de antiguidade, xa que databa de finais de 1995.

O récord do francés coincidiu coa chegada de Javi Gracia ao banco de Pasarón. O adestrador navarro dirixe actualmente ao Watford na Premier inglesa.

Daquela, Bonis estivera sen recibir unha diana os últimos 26 minutos do partido contra o Lanzarote que supuxera o despedimento de Argibay. Despois encadeara os duelos contra o Universidad de Las Palmas, Ourense, Puertollano, Alcorcón e Gimnástica de Torrelavega sen que o superasen. Acabou coa súa xeira no primeiro tempo do partido contra o San Sebastián de los Reyes. Igual que lle pasou a Edu, aquel Pontevedra perdera os dous duelos que serviran para dar inicio e fin á serie.

Naquela ocasión, o cadro granate fora campión de grupo.

O récord agridoce de Edu
comentarios