Pablo González proclámase campión de España alevín de sabre

Pablo González reeditou o título nacional en sabre M-12 no Criterium Nacional de España celebrado o pasado sábado en Guadalaxara.

González debeu superar na final a Javier Álvarez, representante da Federación Madrileña, nun apaixonante combate final. O tirador madrileño, do Club de Esgrima de Leganés, alcanzou cunha lixeira vantaxe de 5-a 4 o descanso do combate definitivo, disputado a dez tocados.

Na segunda metade, o leganiense tomou unha vantaxe ampla, de 8-5, que se antollaba practicamente insalvable para o seu rival. Con todo, o alumno do Escola Hungaresa foi capaz de reaccionar e igualou o marcador a oito tocados. Álvarez volveuse a adiantar cun novo punto, ao que respondeu o mozo competidor lerezano cun outro impacto no corpo do seu rival.

No momento álxido da competición e cunha máxima tensión, González foi capaz de manter a cabeza fría e unha concentración máxima e logrou cun maxistral contraataque o punto definitivo que lle permitiu levar o triunfo no combate e no campionato nacional.

Ademais del, tamén tomaron parte na cita Boris Bunimov (16º) e Miguel Jamardo (22º), alevíns de primeiro ano que non superaron a primeira fase, tras lograr tres e dúas vitorias, respectivamente. Alevín de segundo ano, Alberto Campelo (13º) tamén conseguiu tres triunfos e non puido pasar a primeira rolda.

Campionato galego

Os tiradores do Escola Hungaresa lograron seis medallas no Campionato Galego de Esgrima en categoría absoluta.

Víctor Revenga gañou o ouro en sabre masculino, tras bater na final a Manel Villadonga, do Centolos de Oleiros. Manuel Tudela e Luís Castro, este último de trece anos, lograron o bronce para o club. Paulo Castro foi sétimo.

En categoría feminina o dominio das pontevedresas foi absoluto. Natalia Fernández bateu na final a Ana Barros, mentres que Ángela de Faveri alcanzou o bronce, con Michele Estévez quinta.

Comentarios