O Pairo 8 gaña o Trofeo Carlos I Silgar

▶  O barco do Real Club Náutico de Vigo proclámase campión galego de cruceiros
 
Tripulación del Pairo 8. MARTA DOMÍNGUEZ
photo_camera Tripulación do Pairo 8. MARTA DOMÍNGUEZ

O Pairo 8 proclamouse campión galego de cruceiros ORC e fíxose co triunfo da XX edición do Trofeo Hotel Carlos I Silgar-XXXII Regata Ruta das Illas que se pechou o domingo en augas de Sanxenxo. Luís Bugallo patroneou con mestría o emblemático Farr 39 do RCN de Vigo, armado por José Luís e Constante Freire, e Bonifacio Logares.

Na división agrupada do ORC 1-2, a prata era para o Mirfak, da Comisión Naval de Regatas de Ferrol. O veleiro da Armada Española, outro deseño Farr, patroneado por Diego López, quedou a un só punto do Pairo, sendo tamén segundo na xeneral global da cita galega. A terceira praza foi para o Cachete, un Dehler 36, de Fran Edreira, do Club Náutico de Sada.

Respecto ao ORC 3, o primeiro posto do caixón foi para o Raygrass III, de Ton Núñez. O barco do Club Marítimo Carrumeiro non deu opcións ao resto dos seus rivais na División, gañando todas as probas. Segundo foi o Orión, de Javier Pérez, do Ro Yachts Club. O terceiro a Alma do Mar, de Nito Enríquez, do Club Náutico de Sada.

O Pairo 8 proclamouse campión galego de cruceiros ORC

Para rematar, nos ORC 4, Travesío, de Beatriz Ábalo, do Club Náutico de Vilagarcía, mantivo a posición gañada desde o primeiro día da regata, coroando o podio e levándose o Trofeo Hotel Carlos I Silgar na súa división. Seguiulle o Piko Norte, de José Manuel Castro, do Club Náutico de Boiro, pechando co bronce o Abal Abogados-Fanuatic, de Mariano Dios, do Ro Yachts Club.

A terceira xornada disputouse cunha compoñente moi similar á do sábado, tendo por eixo o vento un 230, é dicir, Suroeste, cunha media de intensidade de oito nós. O comité decidiu celebrar unha soa manga ao vento, cun circuíto entre aboias composto por tres cinguidas e tres popas.

A entrega de premios celebrouse nas instalacións do RCN de Sanxenxo. A ela acudiron o director do Hotel Carlos I Silgar, Leonardo López; o concelleiro de Deportes de Sanxenxo, Daniel Arosa; o vicepresidente da Real Federación Galega de Vela, Pedro Piñeiro, encargado de entregar a placa de campións galegos absolutos de Cruceiros ORC 2019 aos tripulantes do Pairo 8, e os membros da Xunta Directiva do club Luís de la Peña, Modesto Prieto e Fernando Casas.

Comentarios