O Pavillón dos Deportes estrea unha tecnoloxía punteira de intelixencia artificial

permite a difusión remota en streaming de eventos deportivos
Presentación do sistema. DP
photo_camera Presentación do sistema. DP

O Concello de Pontevedra vén de equipar o Pavillón Municipal dos Deportes cunha tecnoloxía punteira de intelixencia artificial que permitirá adaptar a difusión dos eventos deportivos ás actuais tendencias en retransmisión e consumo dos mesmos, facilitando a súa difusión remota vía streaming, a videovixilancia das instalacións e o control de aforos. O equipamento e o sistema tiivii  e de live video instalados, adquiridos pola Concellería de Deportes á empresa Cinfo cun investimento de case 14.000 euros, poñen a disposición de clubs e entidades unha ferramenta coa que poderán realizar de xeito moi sinxelo producións case profesionais dos eventos, o que lles abrirá a porta á captación de recursos económicos a través de, por exemplo, publicidade directa ou consumo por pago.

Entre os equipos proporcionados por Cinfo, presentados este venres no Pavillón Municipal polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o CEO da firma, Antonio Rodríguez; o seu xerente de Administracións Públicas, Eduardo Díaz, e o xefe do Servizo de Deportes, Jaime Agulló, inclúense dúas cámaras PTZ con micrófono e soportes; tres cámaras 4k laterais con soportes; unha cámara panorámica con soporte; unha cámara marcador, e un servidor local conectado a unha plataforma Cloud.

Segundo explicou Fernández, "dende os estudos iniciais para a implantación desta tecnoloxía no Pavillón, o Servizo de Deportes estivo en contacto coa TVG para que os equipos a instalar fosen da suficiente calidade para poder ser empregados directamente polo ente autonómico na difusión de eventos, mesmo sen ter que desprazar persoal ao propio Pavillón, ao permitir unha realización en remoto dende os estudos centrais de San Lázaro". "Isto –indicou o edil socialista– facilitará moito as posibilidades de programar na TVG os eventos que se desenvolvan no Municipal".

Asemade, ponse en mans dos equipos de elite unha ferramenta moi produtiva para que os seus adestradores poidan efectuar análises de partidos e competicións, xa sexa en diferido ou no mesmo momento en que se está realizar o adestramento.

Tal e como explicou Antonio Rodríguez, "tiivii é un produto deseñado para a xeración de contido e a produción audiovisual de eventos de xeito totalmente automatizado, que permite crear dende cero e forma rápida e sinxela unha canle de TV para retransmitir en Internet a través de calquera plataforma de vídeo propia ou de terceiros". "Dentro de tiivii -subliñou o CEO de Cinfo- se atopa todo o software preciso para facer televisión, desde o de plató e continuidade ata a app/web do usuario, o tratamento de metadatos ou a xeración dunha canle liñal".

Sen necesidade de desprazar equipos nin operadores

Unha das principais características de tiivii é a súa capacidade para realizar a gravación dun partido sen ter que desprazar un equipo ao lugar no que se desenvolve. A mesa de produción na nube permite producir eventos da maior calidade; combinalos con intelixencia artificial para a detección de persoas e obxectos e a clasificación de escenas en tempo real; mesturar vídeos pregravados, e dispoñer dun soporte ilimitado para gráficos, animacións e vídeos.

Eduardo Díaz salientou o feito de que tiivii "é automático, funciona sen operadores de cámara ou realizadores, grava, realiza e produce automaticamente un vídeo que se pode emitir en directo ou baixo demanda para aquelas persoas que non puideron velo en directo ou desexan volver a velo”. "tiivii é capaz de segui-la acción de forma autónoma e de xeito independente para cada cámara, que é gobernada polo seu propio axente de intelixencia artificial e pode realizar secuencias paneadas e zooms automáticos individualmente", apuntou o xerente de Administracións Públicas de Cinfo.

Entre as funcionalidades avanzadas do sistema inclúese a realización multicámara (o espectador pode elixir en cada momento a cámara que quere visualizar para non perder ningún detalle do evento), a inserción de marcador, grafismos e publicidade, a incorporación de locución de xeito automático en tempo real, a repetición dos mellores momentos en tempo real (pódese seleccionar calquera instante que se queira volver a ver durante transmisión), a visión de 180 graos para lentes de realidade virtual, ferramentas de análise táctico (selección de xogadas e seguimento de xogadores) e unha pizarra virtual para realizar medicións e marcas/fitos na barra de tempos do evento. A saída do sinal mediante stream standard faina compatible con web e redes sociais.

Antonio Rodríguez destacou "as infinitas posibilidades dunha tecnoloxía que permite facer unha realización audiovisual sen necesidade de custosos equipos nin desprazamentos, mediante unha interface á que se pode acceder dende un portátil en calquera lugar, para seleccionar grafismos e a cámara a emitir en cada momento entre todo tipo de combinacións: cámaras fixas, virtuais, PTZ movidas manualmente, cámaras de seguimento automático…".

App móbil e App decodificadores de TV

Para o xefe do Servizo de Deportes, Jaime Agulló, "outra das vantaxes do sistema tiivii é que pode proporcionar unha App móbil propia do cliente ou engadir as súas funcionalidades na App existente do cliente para poder xerar unha nova experiencia fan cos seus seguidores, onde poidan ver todo o contido realizado". "Ademais, esta tecnoloxía pode crear unha App para decodificadores de operadores como Movista, Vodafone, Orange, Más Móvil, R, Euskaltel, Telecable ou Opencable, así como unha aplicación compatible para emitirse na canle TDT autonómica en televisións conectadas (Smart TV’s), de forma que os usuarios poidan desfrutar de tódolos eventos municipais directamente no seu salón", afirmou Agulló.

A empresa á que se contratou a subministración de todo o equipamento, Cinfo, xurdiu en 2015 froito da externalización da unidade de tecnoloxía de televisión do operador por cable R, tras ser adquirida polo Grupo Euskaltel. Dende o ano 2018 é xa unha compañía independente, ten sede na Coruña e conta con máis de 100 empregados, operando en España, México, Xapón e Suiza.

A súa tecnoloxía vai dirixida tanto ao sector público como ao privado e entre os seus principais clientes pódense citar a televisións como RTVE e a TVG; empresas de telecomunicacións como Telefónica, Orange e Euskaltel; pequenas produtoras e administracións públicas.

No acto de presentación estiveron presentes Santi Picallo e Javier Fernández Jabato, presidente e o adestrador do Club Cisne Balonmán, o primeiro equipo pontevedrés en realizar unha proba con esta tecnoloxía, no partido de Asobal xogado este mércores no Pavillón dos Deportes contra o Ademar de León.

Comentarios