O PCF gaña outro órdago

O club logra convencer a Álvaro Bustos para que renove unha tempada máis e cumpra a súa terceira campaña xogando de granate
 
2020081017432158832
photo_camera Álvaro Bustos celebra un gol durante a pasada tempada. DAVID FREIRE

O culebrón do verán toca ao seu fin. E faino, en principio, con final feliz para o Pontevedra. E é que o club granate acadou un principio de acordo para renovar a Álvaro Bustos unha tempada máis, como puido confirmar este xornal e como tamén apuntan varias fontes, como os xornalistas Ángel García e Víctor Abajas, especializados no mercado.

Deste xeito, salvo cambios de última hora -o posible adiamento da Segunda B podería dar un envorco a todo-, Álvaro Bustos asinará de novo co PCF e unirase a un proxecto ambicioso, unha das claves para terminar de convencerse para continuar na Boa Vila.

E é que ao longo de todo o verán, o Pontevedra fixo constantes chamadas ao teléfono de Bustos para tratar de que o xixonés apostase por continuar xogando á ribeira do Lérez e rexeitase os cantos de sirena que lle chegaron tanto do estranxeiro como da Segunda División B. E é que se primeiro se falou de ofertas importantes do Recreativo de Huelva e o Racing de Ferrol, nos últimos días varias fontes apuntaron o interese serio do Estremadura e o Racing de Santander, recentemente descendidos de Segunda, por facerse cos seus servizos.

Recre, Racing de Ferrol, Estremadura ou Racing de Santander interesáronse polo extremo asturiano este verán

A pesar do apetecibles que resultaban as propostas, finalmente Bustos valorou a estabilidade que lle proporciona o Pontevedra, xa que coñece o club, a cidade e é valorado por unha afección que lle arroupou moito no ano e medio que acumula vestindo de granate.

Así, aínda que non hai nada asinado, todo fai indicar que o PCF se apuntara outro órdago ao seu favor, logo de facer un esforzo polas prestacións económicas ofrecidas ao futbolista criado na canteira do Sporting de Xixón. E é que nos últimos tempos, o club pontevedrés foi capaz de levar o gato á auga á hora de fichar a xogadores moi cotizados no mercado, como son os casos de Rufo, Imanol García ou, por suposto, Charles Dias.

Deste xeito, unha vez se faga oficial a renovación, o Pontevedra contará para as súas bandas con catro extremos maiores de 23 anos: Bustos, Álex González, Oier Calvillo e Óscar Fernández. A posición de atacante de banda é unha das que máis importancia ten dentro da planificación do club, xa que a intención do PCF é confeccionar un equipo con capacidade para facer dano desde a velocidade. Unha velocidade que non ten con Charles e Rufo, dianteiros con outras características.

Nos últimos tempos, o Pontevedra foi capaz de fichar a xogadores moi cotizados como Rufo, Imanol García ou Charles

SEN FICHAS. Ademais, unha vez Bustos estampe a súa firma no contrato co Pontevedra, o club completaría as 16 fichas de xogadores maiores de 23 anos que se permiten en Segunda B por tempada. Esta circunstancia obrigará ao PCF a desfacerse de Naveira, futbolista que de cara á próxima tempada deixará de ser sub-23.

O obxectivo de deixar unha ficha libre ten como fin a incorporación dun central de garantías para acompañar a Víctor Vázquez e deixar ao veterano Pol Bueso co rol de teórico suplente de ambos. O club segue tanteando o mercado consciente da importancia de elixir ben.

Día crave para o futuro da Segunda B: a RFEF proporá pospola
O luns é un día clave para o futuro da Segunda División B e demais categorías non profesionais xestionadas pola Real Federación Española de Fútbol. E é que o presidente do ente federativo, Luís Rubiales, reúnese cos seus homólogos territoriais para analizar a situación do balompé nacional e pospor o inicio das competicións polo menos ata finais do ano 2020 debido á evolución da pandemia.

No caso de que os presidentes acorden un adiamento da Segunda B, como así parece que sucederá, a decisión deberá pasar pola Asemblea. Isto podería desembocar nun rexeitamento, xa que moitos clubs non ven viable acumular polo menos nove meses de inactividade, mentres que a maioría de futbolistas rexeitan máis paróns.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios