Cristian Fernández proclámase campión do mundo de acuatlón

Impuxose na proba celebrada esta mañá en Ibiza
FvCSDTBXsAUXng-
photo_camera Cristián Fernández ao finalizar a proba. FETRI

O poiense Cristian Fernández proclamouse campión do mundo de acuatlón en Ibiza, ao imporse na proba celebrada deste luns dentro do programa do Campionato do Mundo de Multideporte 2023 que principiou a fin de semana.

Fernández chegou á meta cun rexistro de 29:04 e estivo durante toda a proba nas primeiras posicións, facendo valer a súa versatilidade e capacidade tanto no treito a natación como a pé.

A competición arrancou co eslovaco Richard Varga intentando marcar o ritmo e ciscar o grupo de nadadores. No seu esforzo, acabou perdendo gas e rematando os 1.000 metros acuáticos lonxe dos primeiros: entre eles estaba o representante do Arcade Inforhouse de Santiago e técnico e nadador do Club Natación Galaico de Pontevedra, que realizou o traxecto mariño xunto cos húngaros Kropkó Márton e Dobi Gergo. Fernández saíu da auga en terceira posición, cun rexistro de 13:17, ao ronsel do dúo maxiar.

Na transición á carreira a pé, os centroeuropeos foron lixeiramente máis rápidos e abandonaron a zona de cambio cuns metros de marxe sobre Fernández. Pero pronto lles recuperou o terreo. Durante o primeiro quilómetro avantaxou ao primeiro deles. O ritmo do poiense acabou permitíndolle cazar e desfacerse do segundo dos seus compañeiros de travesía para facerse coa cabeza da proba en solitario e poñer rumbo ao triunfo. Por detrás del, o británico Cristopher Perham avanzaba recuperando posicións a grande velocidade e ameazando a primeira praza para a delegación española.

Comezou un man a man no que o lerezano foi quen de ir administrando a renda de que dispuña para evitar que baixase en ningún momento dos catro ou cinco segundos. A vantaxe obtida ao saír da auga foi chave para o poiense, que afrontou a recta final con tempo para poder gozar da súa medalla de ouro, cun parcial a pé de 14:58, que foi o terceiro mellor dos competidores. podio. No segundo lugar, a catro segundos, chegaba o británico Perham e no terceiro posto acababa o seu compatriota Jimmy Lund, cun tempo de 29:13.

O alemán Jannik Schaufler rematou cuarto, co mellor tempo a pé. Outros españois como Kevin Viñuela e Ander Noain foron sétimo e noveno, respectivamente. A proba celebrouse onte á mañá, na contorna da praia e o porto de Santa Eulalia, unha das localidades máis importantes da illa balear. A temperatura foi a ideal para a práctica deportiva de rendemento, con 20 graos na auga, que facilitou o desempeño dos deportistas habituados as augas atlánticas como o propio Cristian.

O treito de carreira a pé, de 5.000 metros, levouse a cabo cos termómetros arredor dos 22 graos, asumible para non castigar excesivamente os fondistas. Co ouro mundial, Cristian Fernández obtén o máis grande éxito da súa carreira deportiva, na que principiou como nadador, pero descubriu as súas dotes como atleta multideporte. No Mundial de Pontevedra vencera a proba de grupos de idade e o ano pasado proclamárase subcampión de Europa en Bilbao.

Na proba feminina, a española Sara Pérez Sala sumou unha prata para a delegación española, cun segundo posto nunha proba vencida de forma brillante pola xermana Céline Kaiser, que protagonizou unha espectacular remonta no treito a pé.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios