Caridad converteuse na heroína do Poio Pescamar no triunfo da Copa Galicia de fútbol sala que se disputou en Marín. A porteira andaluza foi a protagonista da serie de penaltis que serviu para dilucidar o título autonómico que disputaban o bloque poiense e o Ourense Envialia. Dúas intervencións nos últimos dous lanzamentos do rival serviron para a remonta definitiva e a consecución dun novo trofeo para as vitrinas do conxunto de Manu López Cossío.
A serie final das penas máximas foi unha metáfora do que aconteceu durante os 40 minutos do partido: unha lección de fe e supervivencia por parte das encarnadas para conseguiren o triunfo final.
Nos primeiros minutos o Ourense Envialia foi mellor, e iso traduciuse non só nas ocasións, senón tamén no marcador. Caridad tivo que traballar cedo para evitar o primeiro tanto das das Burgas por medio de Judith.
Jane respostou pouco despois para lembrar a presenza conserveira no envite. Pero o 0-1 non tardou en producirse. Nunha acción de estratexia nun saque de banda, Iria Saeta finalizou por baixo para superar a Caridad.
Dani Sousa equilibrou o tanto inicial logrado por Iria Saeta nun partido marcado polo excelente ambiente nas bancadas
As poienses incrementaron a presión na saída da súa rival para intentar xerar perigo tras perda. E aínda que o lograron parcialmente, tamén sufriron un tiro á cruceta de Chiky que puido ser o 0-2.
A partir de aquel momento, o Poio Pescamar gañou terreo e dispuxo das mellores opcións para igualar. Pero nin Luci, nin Agostina Chiesa, nin Ana Rivera foron quen de equilibrar o resultado antes do descanso.
Martita enviou a bóla á trave nun arranque do segundo acto esperanzador. O Envialia respostaba á contra e Luci tiña que salvar baixo paos o 0-2.
O Poio Pescamar acabou metendo ao seu rival na área á procura do empate e non parou ata que logrou equilibrar o resultado no minuto 37, por medio de Dani Sousa. Habería prórroga.
No tempo extra o marcador non se moveu, en parte grazas ao pao que evitou o 2-1 por medio de Anna, en parte mercede ao bo traballo de Vane baixo paos.
Foi a gardarredes ourensá a encargada de deterlle a Anna a segunda pena máxima na serie de lanzamentos desde os seis metros. O Envialia non erraba e todo cheiraba a triunfo das ourensás. Pero entón apareceu Caridad. Primeiro ante Jenny Lores para evitar o 5-4 final e xa no primeiro dos lanzamentos de desempate diante de Robinha para darlle o título de Copa ás vermellas.
Penaltis: 1-0. Jane; 1-1. Laura Uña; 1-1 Erra Anna; 1-2. Judith; 2-2 Agostina; 2-3. María Arias; 3-3. Julia Dupuy; 3-4. Iria Saeta; 4-4. Dani Sousa; 4-4. Erra Jenny Lores; 5-4. Luci; 5-4. Erra Robinha.
Árbitra: Lidia Crespo Pardo.
Incidencias: Partido correspondente á final da Copa Xunta de fútbol sala feminino disputado no Pavillón Municipal da Raña de Marín ante uns 1.000 afeccionados.