1-1. A ambición do Pontevedra queda sen premio en Compostela

O conxunto granate tivo innumerables ocasións para superar o cuarto clasificado, pero a falta de puntería e un dubidoso penalti deixárono sen o sétimo triunfo seguido

23-01-21.Jornada 18 Segunda división RFEF .SD Compostela- Pontevedra CF en el estadio de San Làzaro.Foto: Iago López /ADG Media
photo_camera Un momento do partido deste domingo entre o Compos e o Pontevedra. ADG MEDIA

Ambición sen premio para o Pontevedra na súa visita a Santiago. O conxunto de Ángel Rodríguez deixou escapar o seu sétimo triunfo seguido nun duelo ante o Compostela no que arrincou gañando, pero perdeu a oportunidade de sentenciar.

Tras o empate local, o encontro igualouse, aínda que o PCF dispuxo de varias situacións para volver poñerse por diante e lograr unha vitoria de efecto. Pero volveulle a fallar ou o último pase, ou a puntería e quedou con máis sensacións que puntos.

Plantou cara o Compos durante todo o partido. E aínda que parecía que o equipo de Rodri Veiga cedía a iniciativa aos granates, finalmente foi o PCF quen danou ao seu rival a través da súa capacidade para roubar e correr. Case sempre conducido por Álex González, percutiu con perigo a escuadra granate á contra.

Así chegou o gol visitante, nunha recuperación de Piñeiro que puxo a correr ao capitán. O cántabro xutou, a pelota rebotou nos dous paus e quedou morta na área. Jordan despexou mal e Rubio cazou o esférico no frontal para axustizar coa súa pata —que non é de pau— cun chutazo que entrou pegadiño á cepa do poste.

Corría o ecuador do primeiro acto e o PCF xa mandaba nun partido guiado polo respecto, pero no que Charles e o propio González foran os primeiros e únicos en avisar do arsenal granate. A partir do 0-1, o Pontevedra controlou aínda máis o guion e incluso debeu ampliar a súa vantaxe. Pero Abelenda, que regresaba a casa e non tivo o seu día, mandou á bancada un balón franco a tres metros da portería, tras un remate de Charles nun córner que tocou nun defensor local.

Estaba o partido de cara para o cadro pontevedrés e non cambiou a tendencia tras o paso polos vestiarios. O Compos trataba de meter o seu rival atrás, pero o bloque de Pasarón xogaba solto con balón e curtocircuitaba os locais en cada presión. Non precisou en varias contras o Pontevedra e nun centro desde a esquerda, o colexiado amplificou un contacto entre Churre e Durán dentro da área para sinalar penalti. Non perdoou Samu, que empatou o encontro a falta de media hora.

O empate espoleou aínda máis ao PCF, que viu como lle anulaban un gol a Abelenda por un protestado fóra de xogo. Chegaba e chegaba o cadro foráneo e Ángel Rodríguez deu entrada a Rufo para intentar cazar algunha desas chegadas. Pero os cambios non sentaron de todo ben ao cadro da Boa Vila e si resucitaron ao Compos. Cacharrón fíxolle un paradón a Parapar, antes de que nun novo roubo alto, Guillén lle negase o gol primeiro a Rufo e logo a Charles cunha parada felina que evitou que o Pontevedra, algo mellor no xogo e moi superior aos puntos, levase un triunfo de ouro do Vero Boquete.

Comentarios