Pontevedra aposta polo retorno das ligas de base

A maior parte dos clubs de fútbol retomarán a actividade competitiva da base, aínda que algúns non o farán por causas sanitarias e outros reclaman máis información
Rapaces poñendo as botas para saltar a adestrar na Xunqueira, en xaneiro. RAFA FARIÑA
photo_camera Rapaces poñendo as botas para saltar a adestrar na Xunqueira, en xaneiro. RAFA FARIÑA

A Real Federación Galega de Fútbol traballa xa na reactivación de tódalas competicións de fútbol base e fútbol sala de base despois das reunións que mantivo cos membros dos comités de fútbol base, fútbol feminino e fútbol sala entre o luns e o martes desta semana, nas que se aprobou a volta aos terreos de xogo e ás pistas naquelas categorías nas que aínda que non fora certificado o retorno.

Os clubs da comarca de Pontevedra e a súa contorna amosáronse maioritariamente favorables á reactivación da actividade deportiva, sobre todo co obxectivo de favorecer o desenvolvemento físico e persoal dos seus deportistas nas diferentes categorías de formación. O aspecto da saúde física e mental, o educativo e o social da vida dos deportistas foron esgrimidos polos representantes dos clubs para apostar polo regreso dentro dunha orde e cunhas garantías sanitarias.

Iso si, aínda que a aposta por volver a disputar partidos oficiais con tódolos equipos que o desexen é a intención da meirande parte de entidades de Pontevedra e a súa contorna, non existe unanimidade a ese respecto. Ademais de diferentes puntos de vista, existen distintas realidades para os clubs que os levan a diverxer nas súas decisións.

PREFIREN AGARDAR. Nalgúns casos, como o Marcón Atlético ou o CD Ribadumia, optarán por non inscribir aos seus conxuntos de base esta campaña. En ámbolos dous clubs, a falta de garantías absolutas desde o punto de visto sanitario lévanos a tomar a decisión do extremo máis prudente. Cabe lembrar, no caso dos aurinegros, que xa tiveron que vivir este ano un confinamento do primeiro plantel, que compite en Terceira División.

En outros particulares, as entidades deportivas agardan a ter a maior cantidade de información para podérllela facer chegar aos pais e titores dos rapaces coa fin de facerlles partícipes das decisións, ao entenderen que a Federación Galega non lles facilitou tódalas chaves para interpretar o novo escenario competitivo. Nese situación se atopa o ACD A Seca.

Hai un aspecto no que os clubs fan fincapé: o coñecemento da realidade por parte das familias, xa que son as afectadas de maneira directa desta novidade, ademais dos propios xogadores.

A organización das competicións da temporada 2020-21 terá grandes diferenzas con respecto a unha temporada ordinaria. O primeiro e fundamental é que se levará a cabo baixo un formato "exprés", como así o denominou a propia Federación Galega. As competicións serán nun tempo máis breve, con menos cantidade de partidos e, para organizalas, o factor de proximidade xeográfica será, máis ca nunca, elemental.

Á espera de confirmar número de conxuntos inscritos en cada grupo de idade e cada categoría, a intención é a de dividir aos equipos en pequenos grupos.

Esa medida ten tres obxectos: o primeiro, o de adaptarse á redución de prazos de competición, dadas as marxes de tempo das que se dispoñen para a disputa das ligas. O segundo é o compoñente sanitario, prioritario. Buscan as máximas garantías de seguridade para os deportistas e o feito de que se enfronten e interactúen coa menor cantidade de rivais posibles e obrigando a percorrer menores distancias reduce os riscos. O terceiro obxecto é o económico: minguar a cantidade de desprazamentos dos equipos e a súa lonxitude. Dada a situación económica derivada da pandemia, algúns clubs non poderían permitirse ese gasto. Menos viaxes e menos longas implican menos custos para as arcas das entidades, castigadas dentro da situación xeral socioeconómica que afecta a toda a sociedade.

Aínda non hai prazos determinados para o comezo da competición. Os clubs están en fase de consulta cos seus directivos, pais e xogadores para poder ofrecerlle unha resposta á Federación.

O primeiro paso que deu o organismo federativo nese senso foi solicitarlles unha estimación inicial de categorías e equipos que participarán para que a súa área deportiva poida ir realizando unha previsión das divisións e subdivisións das categorías.

SEN DESCENSOS. Un elemento fundamental da nova competición exprés e no que fixeron especial fincapé os clubes é que non teña conscuencias deportivas negativas neste curso para aqueles clubs que decidan non saír ou non inscribirse, sexan cales sexan as súas motivacións para facelo, e tamén para os que queden peor clasificados. É dicir, non se producirán descensos neste curso, só ascensos de categoría. A misión de organizar os equipos para o próximo curso será un dos retos dos responsables técnicos da Federación.

Tendo en conta os anteriores datos, aínda non se coñece a data de comezo das competicións, aínda que a necesidade de que os equipos leven a cabo unha pretemporada e de cubrir os prazos de inscrición motiva que sexa moi difícil que o regreso se produza antes de catro semanas.

Tampouco se estableceron os prazos de inscrición para os diferentes clubs e categorías, que serán determinantes para poder elaborar os formatos e sistemas de competición e os calendarios.

As medidas afectan a todo o fútbol e ao fútbol sala, que tamén porá en marcha as categorías que ata agora estaba sen calendar, ademais de aquelas de máximo ámbito autonómico que se acordaran comezar ao principio do ano, pero que deberon deterse debido á alta incidencia da Covid na terceira ola da pandemia.

Os clubs posiciónanse 
Pontevedra CF: "Inscribiremos a todos los equipos" 
"Vamos a inscribir a todos los equipos, siempre que la Xunta y la Federación garanticen las medidas de seguridad", anunciou David Montes, coordinador da base do Pontevedra.
"Es complicado para los niños empezar y volver a parar la competición. Siempre y cuando hubiese garantías sanitarias, esta decisión era algo que buscábamos", insistiu o técnico do club granate.

Salgueiriños CF: "Tenemos muchas ganas de volver"
O presidente do Salgueiriños, Carlos Menéndez, teno claro. "Todos, entrenadores, directivos, jugadores, tenemos ganas de volver. Debemos de aprovechar las competiciones para que los chavales puedan retomar la práctica del ejercicio físico".
O club traballa en coñecer a opinión dos pais. "Hemos pedido margen para consultar a los padres. No podemos garantizar que vayamos a presentar a todos los equipos. Pero el club si realizará todo lo posible para que los niños que quieran, puedan jugar". 

Portero 2.000: "El talante es el adecuado"
Rafa Sáez, vicepresidente do Portero 2.000, entende que "el talante para que se activen las competiciones es el adecuado" ao non haber descensos. "Permitirá que los niños puedan realizar la actividad física, siempre que sea seguro y que se lleve de acuerdo con el marco sanitario". 
"Hay muchos chavales que están en una edad fundamental para su desarrollo físico". 

Marcón Atlético: "Para o noso club é inviable"
O Marcón agardará á que a situación acade maior normalidade para retomar á actividade na súa base. O seu presidente, Carlos González, explicou que "para o noso club é inviable o cumprimento dos protocolos agora. Cada club debe ver as súas posibilidades e no noso caso, coas ocupacións dos directivos e a nosa estrutura, non é posible. É unha mágoa, xa que tiñamos o equipo xuvenil en Liga galega". 
"Respectamos a decisión dos que saen a competir, pero esperamos que se respecte a nosa", agregou.

ACD A Seca: "Deberían informar" 
A ACD A Seca demanda máis información para tomar unha decisión. Así o aclara o seu presidente, Daniel Fontenla: "No sabemos las condiciones en las que se produciría la vuelta a la competición. Deberían informarnos antes de como será. En mi opinión la Federación está actuando al revés: pregunta con quiénes cuenta, pero no explica en qué condiciones". 

CD Ribadumia: "Debe primar la salud"
O CD Ribadumia emitiu un comundado no que explicou a súa negativa a competir no fútbol base.
"Consideramos que debe primar nuestra responsabilidad en preservar la salud de nuestros deportistas y de sus familias, a fin de no tener que lamentar nuevos hechos luctuosos en el seno de nuestro club", explica a entidade, que se solidariza cos máis afectados economicamente e pide "perdón a los (aficionados) que no compartan nuestra opinión, aunque por encima de todo creemos que debe primar la salud". 

Alondras FC: A base volve o 1 de marzo
O Alondras anunciou o seu regreso aos adestramentos o luns, nun comunicado, con vistas a competir no que falta de temporada.
"As categorías de base do Alondras CF retomarán a súa actividade a partir do luns 1 de marzo nos horarios habituais, e seguindo os correspondentes protocolos Fisicovid-Dxtgalego aprobados para a práctica da actividade deportiva". 

Comentarios