3-1. A irrupción de Rufo non evita un novo fracaso granate

Os granates encadean xa cinco partidos consecutivos sen coñecer a vitoria
Un jugador del Sporting B, rodeado de jugadores del Pontevedra. SPORTING
photo_camera Un xogador do Sporting B, rodeado de xogadores do Pontevedra. SPORTING

O Pontevedra encadeou, nas instalacións deportivas de Mareo, o seu quinto partido consecutivo sen coñecer a vitoria. Logo dunha primeira parte moi frouxa no apartado defensivo e sen ningún tipo de efectividade no ofensivo, a entrada ao campo da flamante fichaxe granate, Rufo Sánchez, deu unhas esperanzas que non se acabaron de converter en puntos. 

Logo duns primeiros 20 minutos de igualdade, o Pontevedra deixou escapar o partido nun amén. A unha boa xogada entre César García e Guille Rosas que Berto cristalizou en gol no segundo pau, uníuselle un erro garrafal nun despexe que César García, de novo en acción, converteu nun golazo. Edu nada puido facer ante o disparo afastado, si, pero marabillosamente colocado. 

No segundo tempo, a Pouso non lle tremeu a man: retirou a Javi Pazos e fixo debutar a Rufo. Co pichichi do grupo no campo, o conxunto pontevedrés, que tamén mellorou nas zonas centrais, logrou algo máis de presenza nos dominios do Sporting. O dianteiro madrileño tivo unha primeira ocasión moi clara ao rematar ao pau un centro de Álex Fernández nunha falta. 

Pero do que puido ser o 2-1 pasouse ao 3-0, porque a continuación, nun novo fallo defensivo do equipo pontevedrés, Pablo García quedou completamente solto no pico da área. Desde aí, viu a chegada de Gaspar ao segundo pau, que rematou a pracer para selar a vitoria. No minuto 80, Rufo aproveitou un mal despexe de Pelayo nun córner para marcar, de cabeza, o tanto da honra no seu debut como granate.

Comentarios