O Pontevedra CF pon un pé en Brasil

A entidade granate firma un irmandamento co Galicia Esporte Clube de Bahía â?? Ambos os equipos colaborarán tanto no apartado social como no deportivo

Lupe Murillo. DAVID FREIRE
photo_camera Lupe Murillo. DAVID FREIRE

O conxunto brasileiro Galicia Esporte Clube e o Pontevedra selaron o seu irmandamento para as próximas tempadas. O acordo permitirá que futbolistas de orixe galega afincados ou nacidos en Brasil poidan achegarse ao balompé europeo. As conversacións entre ambas as entidades comezaron o pasado marzo, cando o presidente do conxunto brasileiro visitou Galicia polo aniversario e estableceu diálogo coa presidenta do Pontevedra, Lupe Murillo. O club de Bahía fundárono varios emigrantes galegos fai 85 anos e, por iso, sempre estivo moi ligado á colonia de españois da zona.

A entidade brasileira mostrou desde o inicio un gran interese en achegarse ao fútbol europeo e, así, pechouse o mércores un acordo importante propiciado, tamén, polo interese que o modelo de canteira do Pontevedra –coordinada agora mesmo polo segundo adestrador do equipo, Jesús Ramos- espertou no Esporte Clube. Ambos os clubs achéganse en gran medida no social e, no futuro, esperan que este irmandamento lles faga crecer tamén no deportivo.

Deste xeito, o Pontevedra CF actúa de ponte entre a emigración galega que aínda queda no país suramericano e o noso país. Froito do acordo entre ambas as entidades, comezarán a realizarse diferentes campus de formación e captación de talentos en Brasil. Tamén levarán a cabo cursos de formación que permitirán mellorar as capacidades do Galicia Esporte Clube para adaptarse e parecerse máis aos clubs europeos.

ORIXES. O Galicia Esporte Clube de Bahía é un equipo brasileiro con sede en Salvador, a capital do estado brasileiro de Bahía. O Esporte Clube é un dos clubs tradicionais baianos e historicamente estivo sempre ligado á colonia de españois existente na zona, froito do forte corrente migratoria que levou a moitos galegos a desprazarse a Latinoamérica en busca dunha vida mellor, algo case imposible de conseguir aquí nos difíciles e penosos albores do Século XX.

A cruz de Santiago loce no escudo do Galicia Esporte Clube, do mesmo xeito que o fai no do Celta, o Compostela ou o Racing de Ferrol. Do mesmo xeito faio a bandeira galega. Este conxunto definiuse a si mesmo varias como o club dos galegos en Brasil.

O presidente deste conxunto chámase Manolo Muiños. E aínda que el naceu en Brasil, os seus pais son orixinarios do concello pontevedrés da Lama. As súas raíces galegas son as que levaron a facerse cargo dun club que, agora, achégase máis que nunca ao vello continente.

A celebración do Día de Galicia correspóndese, xa que logo, co anuncio oficial do acordo entre Pontevedra e Galicia Esporte Clube de Bahía. Ambos os clubs unen agora os seus camiños de face a, como xa se dixo, crecer tanto no social como no deportivo.

En anteriores pretemporadas, o conxunto granate xa tivo a proba a varios xogadores estranxeiros. Agora, grazas ao Esporte Clube, podería facerse cun lugar preferente para pescar futbolistas en Brasil que teñan capacidades para adaptarse e render no fútbol español.

Comentarios