O Pontevedra estrea fichaxes

O conxunto granate consegue a tempo o transfer de José García que se podería estrear xunto ao ariete Rufo â?? O Sporting B chega ao encontro nun gran momento de forma en casa, onde non perde desde a xornada 9
photo_camera Rufo e José García durante o adestramento do venres. GONZALO GARCÍA

O Pontevedra afronta este domingo ás 12.00 contra o Sporting B, un encontro no que necesita a vitoria de forma urxente para non desengancharse do obxectivo do play-off. Para iso contará coa presenza das súas dúas novas fichaxes, José García e Rufo, que poden achegar un aire renovado ao conxunto de Carlos Pouso.

Os granates adoeceron de falta de gol e de creación nos seus últimos partidos anotando só 2 tantos nos seus últimos 5 encontros. Os de Pouso foron eliminados en Copa fronte ao Eivissa e só suman 2 puntos nas últimas 4 xornadas de liga.

A principal novidade do Pontevedra será na punta de ataque. Coa baixa de Adighibe espérase que Rufo conte con minutos. O ariete madrileño adestrouse o venres co equipo e chega en plena forma, sendo o máximo goleador do Grupo 1. De feito o dianteiro asinou un dobrete fai unhas xornadas en Pasarón.

Pola súa banda José García ten máis dificultades para xogar, pero pode ter algunha opción desde o banco. O navarro estivo cedido no Atlético Baleares, onde tivo poucos minutos, polo que necesita coller máis rodaxe, aínda que Carlos Pouso podería darlle minutos.

Enfronte terán os granates a un equipo que chega nun gran momento de forma como local. Nos últimos 6 encontros en Mareo, o Sporting B gañou 5 e só cedeu un empate fronte ao Celta B. A última derrota da filial branquivermello no seu campo, foi no derbi asturiano contra o Oviedo B.

No Grupo 1 hai 6 filiais contra os que o Pontevedra tivo resultados dispares na primeira volta. Gañou a Sporting, Oviedo e Celta, pero perdeu fronte a Real Madrid, Atlético e Xetafe. Curiosamente a derrota contra a filial azulón supuxo a destitución de Luismi.

Na primeira volta os granates tiveron que tirar de épica para vencer ao Sporting B. O Pontevedra gañou 2-1 remontando o encontro nos últimos 10 minutos con goles de Pedro Vázquez e Álex Fernández.

Carlos Pouso ten varias baixas para o partido deste domingo, ás xa coñecidas de Berrocal e Javi López únense Adighibe e Santi Figueroa. Ademais Álex González cumpre o seu segundo partido de sanción e Rivera quedouse fóra por decisión técnica.

Veremos se as novas fichaxes conseguen darlle aos de Pouso a enerxía renovada que necesitan.

CARLOS POUSO: "Hai que ir coas orellas tesas, as filiais compiten con moito nivel"

Carlos Pouso falou en rolda de prensa sobre o seu rival deste domingo, e desfíxose en eloxios cara á filial sportinguista, do que advertiu de teñen moito perigo: "Hai que ir coas orellas tesas, dá igual que sexa unha filial, as filiais na súa maioría compiten como un equipo máis de Segunda B, con xogadores moi bos e con moito futuro". 

Ademais quixo resaltar o bo traballo que fai o equipo asturiano coa súa base: "O Sporting ten a canteira moi ben traballada, é un club que se apoia moito na canteira, non podemos mirar por encima do ombreiro ao Sporting nin a un equipo de rexional". 

O equipo granate contará coas dúas novas incorporacións, Rufo e José García, pero isto non suporá que os de Pouso fagan algún cambio no estilo de xogo: "A idea é que non haxa un cambio en exceso, eu teño claro a que quero xogar e é xente que se adapta ben á idea. Xogadores de bo pé, que nos dean profundidade e que sexan verticais. Rufo vénnos ben se hai que recorrer ao balón longo, é tipo Adighibe en carreira, pero ten máis forza para zafarse dos centrais". 

Para rematar quixo deixar claro que as fichaxes non veñen cambiar" o equipo, senón que veñen axudar". O importante para o vasco é "gañar" antes que "xogar ben", para que o conxunto granate recupere as boas sensacións.

 

Comentarios