Pontevedra, sede do Campionato do Mundo de Loita sub23

Para o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, "trátase dunha gran noticia, que pon de manifesto a confianza das federacións deportivas" na Boa Vila
JAVI HQR! EUROPEO DE LUCHA. FINALES DE LIBRE MASCULINA
photo_camera Imaxe de arquivo dun campionato de loita celebrado en Pontevedra. JAVIER CERVERA

A Federación Española de Loita recibiu na tarde do xoves a notificación da concesión do Campionato do Mundo de Loita sub23, que se desenvolverá entre os días 17 ao 23 de outubro de 2022 e que terá Pontevedra como sede. 

Na carta remitida polo presidente da United World Wrestling, Nenad Lalovic, á Federación agradécese e felicítase á Federación "por este gran reto que está a piques de asumir". "Recibirán tan pronto como sexa posible o contrato, os requisitos da United World Wrestling para a devandita competición -prosegue a misiva- e o recibo correspondente ás taxas de organización".

Para o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, "trátase dunha gran noticia, que pon de manifesto a confianza das federacións deportivas nacionais e internacionais no bo traballo que se está a realizar en Pontevedra no eido deportivo". 

Na súa opinión, "a nosa cidade converteuse en toda unha garantía á hora de organizar grandes eventos, cun equipo xa acostumado a coordinar citas deportivas que moven unha enorme cantidade de competidores e unhas instalacións, infraestruturas e contorna que resultan idóneas para practicamente calquera disciplina". 

"A loita é outro dos deportes nos que os pontevedreses podemos sacar peito, con campións e campioas que adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), así que poremos todo o noso empeño para lograr que a organización deste Campionato do Mundo sexa un éxito", asegurou Fernández.

Comentarios