Porto: "A clave estará en non perder tantos balóns"

Porto lanzando a puerta contra el Ereintza. (Foto: David Freire)
photo_camera Porto lanzando a puerta contra el Ereintza. (Foto: David Freire)

«Será un partido a vida ou morte», asegura Miguel Porto, lateral do Teucro. O persoal azul ten claro o que se xoga na súa visita ao Torrelavega (sábado, 18.30 horas no pavillón Vicente Trueba), un encontro no que, «se gañamos, daremos un paso moi importante cara á permanencia, e se, ademais, perde o Pozoblanco, estaremos salvados matematicamente». En caso contrario, o conxunto pontevedrés xogarase as súas opcións de continuar na División de Honra Prata na última xornada de liga contra o Barcelona B, campión desde fai xa un par de semanas.

A igualdade da competición fixo que o único decidido matematicamente sexa o descenso directo e as dúas primeiras prazas de promoción de descenso. «Viuse desde o principio que ía ser, tanto por arriba como por abaixo, unha liga moi igualada, e así se confirma neste final de tempada», comentou Porto.

Sobre o Torrelavega, o lateral destacou que «é un equipo que sorprende un pouco, porque por orzamento e persoal podía estar entre os primeiros. é un bloque moi forte, que defende moi ben, xa se viu en Pontevedra, onde nos custou moitísimo gañar (27-26). Sabemos da dificultade do partido».

O lalinense considera que a clave estará en mellorar a faceta ofensiva, que foi o que fallou o pasado sábado ante o Bordils (27-28). «Estamos a perder moitos balóns e o outro día non estivemos finos nos lanzamentos. Non fallar aí vai ser a clave do partido».

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios