Posta en marcha do Poio

Once xogadoras empezan este xoves a pretemporada, aínda que o balón non botará a rodar ata o venres
undefined
photo_camera Partido entre o Poio Pescamar e o Burela FS da pasada tempada. GONZALO GARCÍA

O Poio Pescamar FS comeza este xoves a súa pretemporada, aínda que non será ata este venres cando rode o balón no ximnasio do club pontevedrés. Todas as xogadoras do conxunto conserveiro, fóra das dúas arxentinas e as tres brasileiras que completan o equipo, están citadas para pasar as probas serolóxicas que descarten os contaxios por covid-19.

Máis tarde as futbolistas pasarán o recoñecemento médico e asistirán a unhas charlas sobre prevención de riscos laborais, enfocadas principalmente na pandemia.

O primeiro contacto co balón será este venres, a partir das 19.30 horas, no ximnasio do club. Aínda que todo o persoal está en boas condicións físicas para comezar a pretemporada, cinco xogadoras do Poio non poderán iniciar este venres os adestramentos.

Trátase da dupla arxentina formada por Agostina Chiesa e Julia Paz Dupuy, e das tres brasileiras Luisa Mayara, Jane e Dani Sousa. As futbolistas deben gardar a corentena imposta polo Goberno ao aterrar en España recentemente desde países cunha alta incidencia de covid.

As futbolistas arxentinas e brasileiras incorporaranse a próxima semana

O club ten previsto que Chiesa e Dupuy se incorporen á dinámica dos adestramentos o vindeiro luns, mentres que Mayare, Jane e Sousa iranse sumando ás súas compañeiras entre xoves, venres e sábado da semana que vén. O resto de futbolistas do persoal si estarán o venres no primeiro adestramento.

Deste xeito, o Poio Pescamar confirmou o peche do seu equipo, logo de anunciar neste mercado estival sete renovacións e cinco fichaxes. Un total de 12 xogadoras formarán parte oficialmente do primeiro equipo, aínda que desde o club tamén contan a Silvia Varela, a nova gardameta da filial, como terceira porteira. Outras tres futbolistas da canteira estarán estas semanas baixo as ordes de Cossío.

AMIGABLES. O club pontevedrés tamén marcou na súa axenda unha serie de amigables de preparación para estas semanas, aínda que non no seu calendario. O Poio Pescamar iniciará a competición oficial o fin de semana do 11 e 12 de setembro, no partido de cuartos da Copa de Galicia no que se verán as caras co vencedor do Marín Futsal - FS Cidade de Pontevedra da fase previa.

Antes e logo desa data, o club conserveiro xogará varios partidos amigables contra equipos de Segunda División, aínda que as datas non están pechadas. As rojillas tamén se desprazarán ata Ferrol para xogar contra o Burela FS un partido homenaxe a Lucía Paz, nova porteira do Poio e canteirá do club lucense.

Comentarios