O prezo do play-off subiu

Álex González salta por enriba dun defensa do Castilla no partido de Valdebebas. ADG-MEDIA
photo_camera Álex González salta por enriba dun defensa do Castilla no partido de Valdebebas. ADG-MEDIA

O play-off de ascenso a Segunda División B da temporada 2018-19 pasará á historia polo seu elevado prezo. O Pontevedra concluíu a liga con 62 puntos que foron insuficientes para que o conxunto granate puidese filtrarse nas catro primeiras posicións e disputar a promoción que comeza a próxima fin de semana.

O bloque da cidade do Lérez mellorou os seus gorismos de hai dúas temporadas. Daquela, o conxunto pontevedrés sumara 60 puntos que lle permitiran alcanzar a cuarta praza. Ademais de tres conxuntos moi superiores a tódolos demais, como a Cultural Leonesa, o Racing de Santander e o Celta B (os tres por enriba dos 80 puntos ao remate do exercicio), só o Valladolid B e a Ponferradina inquedaran o lugar do equipo de Luisito en diferentes fases do campionato.

A decepción de diferentes adversarios dos que se agardara un rendemento superior, como o Burgos ou o Racing de Ferrol, acabou facilitando o labor dun once granate que realizara unha espectacular primeira volta.

Sen embargo, a regularidade dos opoñentes cos que se cruzou nesta oportunidade o once que prepara Luismi foi un obstáculo insalvable para lograr o seu obxectivo. 62 puntos, unha cifra que adoita estar no límite da promoción de ascenso, por arriba ou por abaixo, acabaron sendo insuficientes. Pero tamén o foron os 65 da Cultural Leonesa. O prezo foi moi demasiado elevado: dez puntos de diferenza entre o quinto posto da campaña 2016-17 e o da 2018-19.

Cos 62 puntos, o Pontevedra tería ocupado a cuarta praza no grupo II (o Barakaldo obtivo o seu pasaporte para disputar as eliminatorias polo ascenso con 61) e a terceira ou cuarta no grupo III (o Villarreal B sumou 62 e o Cornellà, 61, como terceiro e cuarto clasificados da área Mediterránea).

No grupo IV, sen embargo, pedían 66 para disputar o play-off. A UCAM de Murcia, con 66 puntos, quedou fóra da batalla, para a que si se clasificou o Badajoz coa mesma cifra.

FLUCTUANTE. A puntuación para disputar a fase fluctúa en función de moitos factores, como a competitividade interna da categoría ou o descolgamento por arriba e por abaixo de equipos. A igualdade pola parte alta e o escaso rendemento do Deportivo Fabril e o Navalcarnero favoreceu a suma por enriba de 60 puntos de ata sete equipos (os catro da promoción, o PCF, a Cultural e o Gujuelo).

Nas últimas temporadas, a promoción á que se chegou con máis puntos foi para a que se clasificou o Leganés, con 69 puntos, na campaña 2010-11, a do descenso do Pontevedra a Terceira División.

En 2010, a ocasión anterior na que o Pontevedra foi cuarto en Segunda B, acumulou 63 puntos, un máis có quinto.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios