A primeira e no CGTD

A Ximnástica e o Rías Baixas atópanse no centro de tecnificación para a primeira competición en Galicia tras o confinamento con intención de probar aos atletas na pista
Gonzalo Méndez (izquierda), presidente del Rías Baixas, y Santi Ferrer (derecha), entrenador de la Gimnástica. DP
photo_camera Gonzalo Méndez (esquerda), presidente do Rías Baixas, e Santi Ferrer (dereita), entrenador da Gimnástica. DP

O CGTD recibe na tarde do venres aos seus atletas en competición e por primeira vez desde o confinamento para o I Control de Verán FGA.

Como parte da escuadra pontevedresa acudirán tanto os integrantes da Sociedade Gimnastica de Pontevedra como os do Club Atletismo Rías Baixas, ambos nunha pista pero con vistas postas en obxectivos diferentes.

Por unha banda, Santi Ferrer, adestrador da Ximnástica ten claro que non pode esixir gran nivel na pista. "Tendo en conta que é a primeira competición despois do parón en Galicia pois haberá que ver como vai, como responden. Esperamos un reencontro coa competición non tanto a nivel de resultados", explica Ferrer.

Atletas como Lucía Ferrer, Cristina Garrido, Raúl Cortizo ou Marta Barragáns xa tiveron a oportunidade de probarse nos controis de marca de Aveiro e Braga nas últimas semanas, pero de igual modo non se espera un resultado concreto nin unha competición cegadora. "Que sigan evolucionando e baixando as súas marcas e así veremos como progresa o seu estado de forma", comenta.

A do venres será a primeira en Galicia e por isto mesmo servirá como un complemento aos adestramentos, pero Santi asegura que a partir da próxima semana as cousas serán diferentes "entran nun período competitivo da planificación e empeza a ser importante o resultado" no tartán.

Santi Ferrer, adestrador da Ximnástica: "para a seguinte entran nun período competitivo da planificación, empeza a ser importante o resultado"

En canto ás condicións dos adestramentos, parece que a SGP non pasou por moitas restricións. A excepción do ximnasio e o acceso, que por suposto se limitaba a aqueles atletas federados que cumprían certas condicións, os ximnásticos podían presumir de certa "liberdade". "Ao tratarse dun deporte individual non temos tantas restricións, os exercicios por parellas xa non os faciamos, e tampouco realizamos tarefas de contacto", aclara o técnico.

Outro dos obxectivos do venres para Ferrer será observar a evolución dos participantes para a posterior selección do equipo que conformará a Ximnástica na Copa de España de Clubs desta tempada.

Doutra banda, pero tamén de casa, están os pequenos atletas do Club Rías Baixas que conciben esta primeira cita como un mero ensaio para celebrar o próximo 14 de agosto a V Festa do Atletismo Galego, un evento moito máis elitista no que non poderán correr os máis locais.

"É un ensaio con xente de Galicia para coñecer o protocolo da Xunta e da Federación", explica Gonzalo Méndez, presidente do club. Pero para os de Gonzalo será tamén, e logo de sete meses, a primeira toma de contacto coa pista en competición.

Gonzalo Méndez, presidente das Rías Baixas: "Os mozos queren facer mínimas e non sei para que, porque non sei sequera se haberá Campionatos de España"

No seu caso as novas promesas atléticas non puideron viaxar a Portugal para probarse, porque o club non quería asumir o risco de viaxar con nenos nas condicións especiais que xera a pandemia a nivel de fronteiras. "Non podes asumir ese risco con nenos. En Portugal tiñan unha normativa de facilitar datos para entrar ao país e non asumimos iso", explica.

A pesar das súas preferencias recoñece que esta é unha boa oportunidade para realizar un control de marcas. "Os mozos queren facer mínimas e non sei para que porque non se sabe sequera se haberá Campionatos de España, pero bueno, poden correr para sacarse esas ganas de competir", engade o presidente.

Como parte do equipo das Rías Baixas estréanse o venres nas pistas David Vicente, dos mellores xuvenís de España sub18, Jacobo Soler, campión galego de velocidade sub23 e Sara Castellanos, cadete de triplo salto, entre os mozos con máis futuro do club.

En canto ás medidas protocolarias que se tomarán na proba serán estritas e pensadas para evitar calquera risco de contaxio. As máscaras coas que cheguen os atletas ao centro depositaranas na mesma entrada, e alí facilitaráselles unha de usar e tirar para o calentaminto. No momento de saír de tacos deben deixar esa máscara, que irá directa ao colector, e ao chegar a liña de meta colocarse unha nova coa que cubrir o rostro ata que finalice a xornada. Cando abandonen as pistas, poderán recoller as súas máscaras.

Comentarios