A primeira decisión do Pontevedra: o adestrador

Nas sete temporadas de Lupe Murillo como presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, a elección do preparador do primeiro equipo foi habitualmente a primeira negociación que abordou o club ? O ano pasado foi a gran excepción
undefined
photo_camera O técnico Ángel Rodríguez. DP

A primeira decisión deportiva do Pontevedra Club de Fútbol da era Lupe Murillo ao rematar unha temporada sempre é a elección do adestrador.

A renovación ou escolla dunha nova figura para o banco será outra vez o primeiro paso do Pontevedra Club de Fútbol no seu itinerario en dirección ao debut na Primeira Federación. A presidenta e o consello de administración deberán decidir sobre a continuidade de Ángel Rodríguez e o cumprimento do contrato de Toni Otero á fronte da dirección deportiva do club. A dirixente xa comentou que as conversas principiarán a próxima semana, unha vez rematen os fastos do ascenso a Primeira RFEF.

A figura do adestrador do Pontevedra na etapa de Lupe Murillo nunca estivo vencellada á entidade granate durante máis dunha temporada por contrato. De tal maneira, o club debeu renovar ao preparador ano a ano, mesmo nos casos dos técnicos que permaneceron máis dun curso como inquilinos no banco.

Só un deles tivo a fortuna de coñecer o seu futuro coa temporada aínda en marcha: trátase de Luisito. O preparador de Teo foi o que máis cedo puido asegurar a súa continuidade á fronte do barco. El foi tamén o técnico co que mellor pareceu encaixar Murillo. A súa forte personalidade, o fútbol que desplegaba o Pontevedra e os bos resultados nos tres primeiros cursos nos que estivo no club, durante a súa primeira etapa, facilitaron que os desexos do PCF se fixesen realidade dunha maneira máis rápida.

Así, no primeiro exercicio da presidenta, tamén o primeiro de Luisito, a temporada 2014-15, a permanencia do técnico foi feita oficial nada máis rematar a campaña e producirse o ascenso a Segunda B no play-off contra o Haro. O 27 de xuño de 2015, en rolda de prensa e no medio da emoción polo retorno á 'bronce', Lupe Murillo anunciaba a nova.

Ao curso seguinte produciuse a primeira excepción á regra da era Lupe Murillo. Luisito era renovado durante o campionato e o anuncio producíase unha vez o primeiro equipo estaba fóra de todo perigo e case sen opcións de disputar a promoción polo ascenso. Aconteceu no mes de abril.

Un ano despois, o teense volvía asinar outro ano máis á fronte do barco. Era a súa segunda e última renovación como preparador granate. E de novo foi en abril.

Despois tocoulle a Luismi Areda. O técnico vigués substituía a Luisito en xaneiro de 2018 e, despois de que o bloque lerezano acadase a salvación con moitas dificultades no treito final do campionato, obtivo como recompensa a prolongación da relación profesional co club por un ano máis. Aquilo fíxose público o 31 de maio de 2018.

Un ano despois, trala pequena decepción que acarrexara o feito de non clasificarse para a promoción, o club granate prolongou a súa confianza en Luismi. Non rematara o mes de maio de 2019 cando o PCF dixera que o vigués seguiría á fronte das operacións.

Ramos. A campaña seguinte foi a máis convulsa dos últimos tempos canto a movementos: por primeira e única vez, un Pontevedra de Lupe Murillo tiña tres inquilinos diferentes (se non se ten en conta o partido que Milo Abelleira fixo de ponte entre Manu Fernández e Luisito na 2014-15).

O que acabou sendo o adestrador daquela liga nin sequera rematou a campaña porque o inicio do covid19 o detivo todo. Jesús Ramos tardou ata xuño de 2020 en ser confirmado oficialmente, pero as partes sabían desde moito antes que o marinense sería o elixido. Non fora unha espera tensa como a da campaña pasada.

Daquela, varios nomes enriba da mesa e infinitas dúbidas antecederon a elección de Ángel Rodríguez, home de confianza de Toni Otero, como novo director de orquestra do primeiro bloque lerezano. Rodríguez chegou na segunda semana de xullo.

Agora a súa renovación despois do ascenso comezará a tratarse a partir da próxima semana. A historia recente di que Lupe Murillo nunca prescinde dun preparador que consiga o obxectivo que se lle propuxo. Mesmo con Manu Fernández foi así o ano da súa chegada ao temón do club. A pesar de que non era o técnico polo que apostaran a dirixente ou o consello de administración, concedéronlle a ocasión de dirixir a escadra, ata que os resultados provocaron o seu cesamento.

A Deputación recibe ao Pontevedra Club de Fútbol

O Pontevedra Club de Fútbol continúa cos fastos do ascenso a Primeira RFEF. Onte, o primeiro plantel da entidade, encabezado pola presidenta Lupe Murillo, co adestrador Ángel Rodríguez e os membros do corpo técnico e do consello de administración asistiron ao Pazo Provincial recibidos polo goberno provincial. Ausente a presidenta Carmela Silva debido á súa visita institucional a Madrid, a expedición granate foi recibida polo deputado de Deportes, Gorka Gómez. A presidenta granate obsequiou cun polo e unha camisola conmemorativa do logro obtido ao que é o principal patrocinador da entidade granate. Pola súa banda, Gorka Gómez entregou unha placa á presidenta e o capitán Álex González. Este venres péchanse os actos de festexo coa visita ao Concello de Pontevedra e coa celebración dunha cea de todo o plantel.

Comentarios