Carlos Pouso: "Na primeira parte faltou personalidade, dicir: 'quero a pelota'"

Destacou a melloría dos seus tras o descanso, pero afirmou que "a expulsión condicionou o partido"
Carlos Pouso, en O Vao. RAFA FARIÑA
photo_camera Carlos Pouso, no Vao. RAFA FARIÑA

O adestrador do Pontevedra, Carlos Pouso, viu a un equipo diferente en cada parte "Na primeira metade estivemos espesos. Non fomos capaces de combinar e ter a pelota, algo que si fixemos na segunda parte. Cando parecía que estabamos máis cerca do 0-1 que do 1-0 pois veu a expulsión, que condicionou o resto do partido".

Para Pouso, "o importante era gañar", non romper a dinámica. "Tal e como se puxeron as cousas, ao final te tes que conformar cun punto. eles tiveron as súas opcións durante a primeira parte e nós na segunda, na que creamos bastante máis perigo. Despois, cun menos no último suspiro do partido, sufrimos, porque teñen moita experiencia. Teñen tranquilidade e pausa coa pelota. Non se pon nerviosos e impedíronnos sequera montar algunha contra. Para o meu gusto quedamos un pouquiño atrás, pero entre o cansazo e que o Coruxo tiña un máis... era difícil", asegurou o vasco.

O preparador do equipo granate destacou que no vestiario díxose que "había que dar un paso adiante". "Eu son un adestrador que quere ter a pelota para ser vertical. Na primeira parte, como que nos queimaba o balón, aínda que hai que dar mérito ao rival, que apertaba e estaba moi encima", destacou. Nesta mesma liña, Pouso cre ao seu conxunto faltoulle dicir: "eu quéroa, eu téñoa e a min non ma quitan".

"Non houbo personalidade, esa confianza que posiblemente ao Coruxo, que está nunha mellor dinámica ultimamente, sobroulle. No descanso quitamos esa coraza e ese peso de encima. Ao fútbol hai que intentar xogar e na segunda parte si o fixemos mellor. O equipo entregouse, envorcouse na presión adiantada e coa pelota quixo facer dano e tivo chegadas", comentou. "Eu non son de botar rifas nun partido. Creo que iso "acolloa" máis á xente", destacou.

"Na primeira parte o balón como que nos queimaba, aínda que hai que dar mérito ao rival, que apertaba e estaba moi encima"

Sobre se este empate permite ao equipo saír do mal momento, Pouso apuntou: "Nin nos momentos bos estivemos para tirar foguetes nin ultimamente estivemos tan mal. Noutros partidos, con menos fixemos máis goles".

O míster do Pontevedra referiuse aos aspectos a mellorar da súa escuadra e non puxo o foco nas escasas cifras goleadoras do equipo nos últimos partidos: "Os adestradores vivimos nunha eterna preocupación. Co talento que temos arriba, debemos facer ocasións. Preocúpame ser máis solventes atrás e ter máis creatividade no medio do campo, como fixo Romay, querendo a pelota. Iso é o que pretendo dos meus xogadores".

En canto á lesión de Álvaro Bustos, Pouso restoulle importancia: "O doutor di que parece unha contusión na morna. Ademais, debeuse meter debaixo dun cartel de publicidade e torceuse o nocello. Igual ten unha pequena escordadura, pero nada grave".

Sobre a ausencia de Rivera destacou que prefiría incluír na lista a "un home de banda como Martíon (Diz)".

Comentarios