Primeira proba de lume

O Pontevedra CF estréase este sábado cun amigable ante o Coruxo no Campo do Vao
2020091812185580883
photo_camera Jesús Ramos traballa co equipo durante o primeiro adestramento desta tempada. GONZALO GARCÍA

O Pontevedra CF segue restando etapas antes do inicio da competición. A seguinte: o primeiro partido amigable que xogará o conxunto granate este sábado ante o Coruxo (Campo do Vao) e farao a porta pechada. Todo fai ver que o calendario acelera a pasos axigantados nas últimas semanas e prepárase ao grande para dar a benvida á competición o próximo 18 de outubro ante o Ferrol.

A deste sábado será a primeira proba de lume logo dunha pretemporada atípica na que os xogadores están a desexar volver enfrontarse aos rivais. "Están a xogar partidos entre eles, pero non é o mesmo", declaraba o adestrador do conxunto da Boa Vila, Jesús Ramos. Deste xeito, o Pontevedra porase a proba no que será o primeiro adianto dunha tempada que, polo momento, non ten escrito o que será o once deste ano. Este partido será, xa que logo, o que poida marcar as pistas do próximo curso.

"Temos unha cadro de 25 xogadores. Agora mesmo calquera xogador pode entrar no once, pero non estou a pensar en Ferrol aínda. Nas últimas semanas si que me centrarei máis niso, pero de momento poden ocorrer moitas cousas", afirma o adestrador, quen ademais, engade que "hai semanas que uns están ben e á seguinte non, está a haber moitos cambios".

Este é o primeiro dunha lista de partidos amigables que se prevé disputar antes do 18 de outubro

Con todo parece que se empeza a ver a luz ao final do túnel e a incerteza vaise despexando a medida que pasan as semanas. Agora, o Pontevedra prepárase para volver medirse este sábado. "O equipo ten ganas de cousas novas. O persoal está ben, adaptándose e asimilando as cargas dos adestramentos. O grupo ten ganas de empezar cos amigables", apunta o técnico do cadro granate.

SOBRE A MARCHA. Jesús Ramos afirma que este será o primeiro dunha lista de partidos amigables que se teñen previstos antes do día 18 de outubro, aínda que "por agora non se pode dicir nada, porque están pendente de pecharse e as cousas están cambiado constantemente con isto da pandemia", aínda que asegura que "a idea é realizar un determinado número de partidos contra equipos de Segunda B, como é habitual".

O adestrador do primeiro persoal quixo facer que conste, ademais, a desvantaxe na que se atopa o seu equipo nesta pretemporada. "Hai equipos que teñen xa varios partidos e nós aínda empezamos agora", sinala.

É consciente de que a nova normalidade fixo que o fútbol cambie de xeito radical e téñanse que adaptar ás novas formas de xogo. "Polo momento imos sobre a marcha. Agora está a haber máis restricións en Poio ou Marín", sentenza.

Un mes para o regreso 
O Pontevedra vai tachando días no seu calendario. Queda exactamente un mes para a chegada do primeiro partido de tempada, que se disputará ante o Ferrol a domicilio. Para iso, o conxunto de Jesús Ramos subiu o ritmo aos adestramentos e completa as sesións con dobre xornada, como ocorreu este xoves, cando o persoal granate se deixou ver sobre o céspede en sesión de mañá e de tarde. 

Un sprint final de cara a ese 18 de outubro, que será cando bote a rodar o balón de xeito oficial, sete meses despois de que a pandemia frease en seco o deporte. 

O Pontevedra traballa arreo para ter ao persoal ao cento por cento de cara a ese encontro nunha nova liga moi atípica.

Comentarios