30-31. Profesionalidade, emoción e derrota

O Cisne Dicsa Modular queda ás portas da vitoria nun vibrante partido cun final aloucado ? Álex Chan estrelou uns sete metros na madeira co tempo cumprido
photo_camera Pombo lanzando a portería cun rival suxeitándoo. DAVID FREIRE

O Cisne Dicsa Modular estivo a piques de meter nunha lea ao Sinfín Cantabria. O equipo pontevedrés ofreceu unha lección de profesionalidade competindo ata o último segundo e máis aló del: literalmente. Co tempo esgotado, Chan lanzou un penalti que se estrelou na madeira e impediu a igualada do bloque branco. 30-31 final.

O duelo xogouse no primeiro tempo ao ritmo que quixeron os de Jabato e no segundo acto ao que interesaba aos cántabros.

A primeira metade foise voando, a un ritmo case provocador. Pombo, ben secundado por un elevado Pablo Picallo. mostraba o camiño aos seus compañeiros. O lateral dereito pontevedrés botouse ao equipo ás súas costas e ofreceu un recital de lanzamento exterior e penetracións que o reconciliaron co balonmán.

Alén da cancha, o Sinfín recorría aos lategazos de Zungri e a conexión co pivote Ferreiro para mandar no electrónico, aínda que sempre sen grandes vantaxes. Como máximo, tres goles.

Ata ese momento todo eran sorrisos. Pero o rictus dos visitantes cambiou cando o Cisne Dicsa Modular subiu un punto o nivel defensivo. Os pontevedreses fóronse ao descanso un gol arriba.

No segundo acto, a tensión foi crecendo co paso dos minutos. A Pablo Picallo case lle parten a cara. Os colexiados sumáronse á festa con decisións incomprensibles que axudaron a Ostroushko e Vallés a dar a volta ao marcador. Pero cando máis quentaba o sol, entre a gallardía de Arias e Gayoso e o crecemento defensivo impulsado por Calvo meteron ao Cisne Dicsa no duelo, ata o extremo de dispor a última bóla para igualar. Pero a Chan faltáronlle uns centímetros de portería desde os sete metros e o choque e a permanencia fóronse a Santander.

Ficha técnica
Marcador cada cinco minutos: 2-4, 6-7, 7-10, 12-13, 15-14, 18-17 -descanso- 19-19, 21-23, 25-24, 27-25, 28-29 e 30-31.

Árbitros: García Rodríguez e Iniesta Castelo. Excluíron con dous minutos a Simón, Pombo, Carró e ao adestrador Jabato por parte do Cisne Dicsa Modular e a Alonso e Dimitrievski (3) por parte do Sinfín. Mostraron cartón vermello ao visitante Ostroushko no minuto 60.

Incidencias: Partido correspondente á vixésima oitava xornada de Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante uns 300 espectadores.

Comentarios