Marca defensiva... seis anos despois

Os Condes de Albarai Teucro logrou encaixar só 19 tantos en Málaga, o seu mellor rexistro ligueiro de goles en contra nas últimas seis tempadas ►A última vez que o bloque azul recibiu menos de 20 dianas foi ante o Pozoblanco
2019091812335833178
photo_camera 2019091812335833000

Seis anos despois, os Condes de Albarei Teucro encaixou menos de 20 goles nun partido de liga. O conxunto teucrista asinou un notable debut en Málaga. Pero non pola súa alegría ofensiva, senón pola súa enorme seriedade defensiva. O 19-23 final serviu para meterse no peto os dous primeiros puntos da tempada. Pero foi unha vitoria sólida, cimentada na defensa. Porque o Teucro non afacía nos últimos anos a xogar a marcadores baixos, pero Luís Montes ten claro que é unha das claves do éxito. "Temos o firme propósito de mellorar a parcela defensiva reducindo o número de goles recibidos", apuntaba o técnico nunha entrevista a este medio a pasada semana. Meu dito meu feito. Polo menos na primeira xornada.

Os Condes de Albarei logrou rebaixar un díxito que se mantiña estable no seu marcador ao longo das seis últimas tempadas: máis de 20 goles en contra. O último choque no que o conxunto azul recibiu menos de 20 dianas foi un Teucro-Pozoblanco (22-19 no marcador), xogado un 14 de setembro de 2013. Hai seis anos e uns días. Curiosamente, foi o partido inicial da tempada, tamén na División de Honra Prata. Javier Barrios era o adestrador por aquel entón dun equipo que se acabou salvando da promoción de descenso na última xornada grazas, precisamente, á derrota do Pozoblanco en Benidorm.

Nestes seis anos, o Teucro logrou encaixar 20 goles en dúas ocasións: ante o Anaitasuna (2017-2018) e contra o Bordills (2016-2017)

A partir daquel entón, o Teucro nunca volveu a encaixar un número de goles tan baixo nun partido ligueiro. As tempadas nas que estivo máis preto de logralo foron a 2016-2017 e a 2017-2018.

Na última delas, na que o Teucro logrou a permanencia en Asobal, recibiu 20 por parte de Anaitasuna (19-20 en contra no Pavillón Municipal).

Doutra banda, no curso 16-17, cando o club logrou o seu último ascenso a Asobal, encaixou 20 dianas ante o Bordils (26-20). No partido en Cataluña contra o mesmo rival, o marcador foi similar (21-26). Esas 21 dianas en contra eran o mellor rexistro do equipo azul nos últimos anos, tan só comparables coas 21 que recibiu na cancha do Atlético Novás na campaña 2012-2013.

Mentres, na Copa do Rei, os Condes de Albarei si logrou durante estes últimos seis anos rebaixar a cifra de 20 goles en contra. Foi contra o Amenabar Zarautz, o 1 de outubro de 2016. O equipo dirixido por Quique Domínguez, con Luis Montes de segundo, venceu 19-24 e pasou de rolda ante un rival do seu mesma categoría.

EREINTZA, O LISTÓN. Deste xeito, tras empezar con bo pé a tempada, o obxectivo do Teucro seguirá sendo manter o bo nivel defensivo. No horizonte azul atópase unha nova marca, este moi difícil de igualar no actual balonmán, con moitas transicións, ataques rápidos e lanzadores de segunda liña. é o dos 17 goles en contra que recibiu ante o Ereintza, a tempada 2012-2013.

Polo tanto, xogar un balonmán ofensivo e vistoso seguirá sendo a fórmula dos Condes de Albarei para pelexar polo ascenso a Liga Asobal esta tempada. é a "Biblia" de Luis Montes, que entende o seu deporte como un espectáculo que ofrecer ao espectador, pero que tamén é consciente de que é necesario propor algo máis que dinamismo en ataque para lograr resultados. Por iso, desde "o seu ascenso" a primeiro adestrador do Teucro, unha das prioridades do preparador pontevedrés foi blindar o bloque no apartado defensivo.

Así o intentou o pasado curso, pero non resultou. Nin durante a primeira volta, cando os Condes de Albarei tiña un equipo que miraba máis cara á portería contraria que á propia, nin durante a segunda, na que se realizou unha aposta por reforzar o armazón defensivo, pero tampouco o conseguiu. O equipo teucrista finalizou a tempada como penúltimo con 945 dianas encaixadas. Foi o máis goleado, xa que asinou unha media de 31,5 goles en contra por partido. O seu mellor algarismo neste sentido foi o 24-24 cultivado no Pavillón Municipal ante o Sinfín. A domicilio, encaixou 25 en Cangas e en Puente Genil, pero caeu derrotado en ambos os encontros. Como peores rexistros, recibiu uns vergoñosos 44 tantos do Ademar León, 41 do Barça e 37 do Huesca.

Comentarios