Un regreso ao grande

Antía Jácome e Adrián Sieiro valoran a súa volta á competición e as "boas sensacións" que tiveron no primeiro reto da tempada 
2020081218444550647
photo_camera Adrián Sieiro leva a súa canoa durante a competición do pasado domingo en Verducido. RAFA FARIÑA

O pasado domingo os mellores piragüistas do panorama galego déronse cita en Verducido para medir as primeiras sensacións na volta á competición. Antía Jácome e Adrián Sieiro foron os grandes destacados dunha xornada competitiva na que conseguiron cinco e catro medallas respectivamente.

Ambos os deportistas preparaban este ano a súa clasificación para Tokio 2020, e tiveron que adaptar as súas planificacións de tempada aos novos retos. "Aínda estamos a coller o ritmo, porque tiñamos unha planificación totalmente diferente", confesa Jácome.

Pero a pesar de que o coronavirus cambiou os seus plans, os dous palistas deixaron grandes sensacións na súa volta. "Estaba cansada e enferma, pero tiña moitísimas ganas de competir así que o gocei ao máximo" comenta a palista. Tamén para Sieiro foi especial este reencontro coa competición, xa que o botaba unha chea de menos" aínda que confesa que se fixo un pouco estraño, porque era a primeira competición do ano en agosto, cando outros anos xa estariamos a finalizar a tempada".

A pesar do atípico da situación, ambos coinciden en que foi un gran regreso. "As sensacións foron moi boas", comenta Sieiro, "sobre todo tendo en conta o nivel actual, que aínda nos falta un mes de posta a punto".

"Tiven rivais moi fortes que mo puxeron bastante difícil, pero estou súper contenta", asegura Jácome, para a que o máis sorprendente non foi a clasificación senón "os tempos, non mos esperaba tan ben para o momento no que estamos, así que foi unha volta moi satisfactoria".

Sieiro xa se probou cos seus compañeiros nos adestramentos que o levaron ata Sevilla a mediados de xullo. "Sabiamos que estabamos bastante ben, pero ao non ter referencias doutros competidores, vas un pouco a cegas" confesa o piragüista. A el tampouco lle pillou por sorpresa a súa boa clasificación, xa que asegura que "últimamemente estou a me atopar moi ben, en boa forma, e demostrouse o pasado domingo".

Aínda que as sensacións foron boas, os deportistas acusaron a falta de competición. "Tiven sete tiradas o domingo, foi un non parar e acabei moi cansa" recoñece Jácome, "era saír da canoa e volver entrar aos dez minutos".

Para a palista, o peor foi "usar a máscara ao acabar de competir, con todo o abafo". Unha idea coa que coincide Sieiro, para o que o peor momento era "xusto ao acabar de competir, porque viñas fatigado e necesitabas hiperventilar polo cansazo, e ao porme a máscara ás veces afogábame".

"Foi o único malo, pero estivo moi ben organizado", sentenza Sieiro, ao que Jácome apoia asegurando que cre que se cumpriu bastante ben o protocolo".

Coa vista posta no selectivo

A pandemia por coronavirus cambiou drasticamente a planificación da tempada de Jácome e Sieiro, que viron como se esfumaba o seu soño de participar este ano nuns Xogos Olímpicos.

Pero as ganas de competir dos dous piragüistas non desapareceron, e xa marcan en vermello as datas dos próximos retos. A curto prazo, o obxectivo é o selectivo nacional posto para os días 4 e 5 de setembro.

Con todo, Jácome non é demasiado optimista coa celebración da competición. "En principio segue aí posto, pero eu creo que está todo un pouco complicado agora mesmo".

"Os do K4 de Asturias acaban de anunciar que pairan ata setembro", comenta a padeeira, "para nós son unha guía e agora mesmo non sabemos que imos facer".

Sieiro tamén traballa na preparación do selectivo, a única competición marcada no seu calendario, coa intención de "competir en setembro e tomar xa vacacións coa vista posta en preparar ben o clasificatorio continental do ano que vén".

Comentarios