Manuel Romay, Edu Sousa e Luismi, premiados polo fútbol galego

A Asociación dos Clubs Galegos de Fútbol recoñéceos como mellor xogador, mellor porteiro e mellor adestrador de Segunda B

Manuel Romay. GONZALO GARCÍA
photo_camera Manuel Romay. GONZALO GARCÍA

Manuel Romay, Edu Sousa e Luismi serán recoñecidos pola Asociación dos Clubs Galegos de Fútbol pola tempada 2018-19, na X Gala da ACGF. O xogador de Malpica será galardoado co Trofeo Luís Suárez ao mellor futbolista de Segunda División B. Edu levará o Trofeo Miguel Ángel ao porteiro menos goleado da categoría e Luismi obterá o premio ao mellor técnico da división de bronce.

A boa campaña do club granate traduciuse na edición actual destes galardóns que ademais tamén se acordaron do ascenso a Preferente Galicia do Pontevedra B como subcampión e do Portonovo como campión do grupo V de Primeira Autonómica.

Álvaro Juncal Moreira, da delegación pontevedresa, foi elixido como mellor colexiado de Preferente Galicia Trofeo Raúl García de Louza. Ademais, Coke, do Estradense, foi valorado pola súa tempada como porteiro menos goleado de Preferente Sur, con 19 dianas. O exgranate Paco, do As Pontes, foi "o Miguel Ángel" do Preferente Norte e Diego García, do Ourense CF, da Terceira División.

Na categoría de máximo goleador, trofeo Amancio Amaro, destacaron Manu Justo, do Coruxo, futbolista pretendido polo Pontevedra entre outros moitos clubs, e Ibán Salvador, do Celta B, en Segunda B. En Terceira, o premio recaeu na figura do capitán do Racing de Ferrol Pablo Rey. En Preferente Norte Iker (Arzúa) e en Preferente Sur Jorge Fernández (Areas) foron os xogadores que brillaron.

Ademais de Luismi, adxudicáronse o Trofeo José Luís Vara ao mellor adestrador Miguel Figueira, do Bergantiños (Terceira), Marco Roca, do As Pontes e José Luís Curiel, do Pontellas (Preferente).

O Deportivo de categoría feminina será recordado polo seu ascenso a Primeira División e o Racing de Ferrol, por ser campión de Terceira e polo seu ascenso á Segunda División B.

As Pontes e Pontellas, campións dos diferentes grupos de Preferente e Arzúa e Estradense, os seus acompañantes no ascenso a Terceira, tamén serán premiados, como os equipos que subirán de Primeira Autonómica, entre os que destacan os campións dos grupos 1,2,3 e 4, Galicia de Mugardos, Fisterra, Lemos e Atlético Arnoia, respectivamente.

O Juventud de Cambados farase acredor ao Trofeo á Deportividade do grupo Sur. Xaime Escudeiro será recoñecido polo seu labor xornalístico. O Milagrosa levará o trofeo Vero Fenda á traxectoria do fútbol feminino.

Comentarios