Marcos del Río, novo director xeral do Pontevedra: "Eu son un afeccionado máis"

O equipo dá un paso adiante na súa profesionalización co directivo granate que xa traballa na nova campaña de abonados para atraer "non só aos afeccionados, senón a toda Pontevedra"
Marcos del Río, nuevo director general del Pontevedra CF, en el estadio de Pasarón. CEDIDA
photo_camera Marcos do Río, novo director xeral do Pontevedra CF, no estadio de Pasarón. CEDIDA

A afección pedíao a berros desde hai tempo e agora si, por fin, o Pontevedra Club de Fútbol ten novo director xeral. A noticia chega no medio do proceso de renovación dos cargos organizativos do club, e tras a incorporación de Toni Otero como director deportivo.

Marcos del Río (Pontevedra, 1985) será a partir de agora o encargado da coordinación xeral do equipo, facendo especial fincapé no ámbito da comunicación, tanto coa masa social como os patrocinadores. Ademais a mercadotecnia e a xestión de novos recursos tamén serán tarefa do pontevedrés.

"Tanto a presidenta como eu coincidimos en que o club estaba listo para dar este paso», explica Marcos, "queremos recuperar esa piña que o Pontevedra tiña antes e que nos últimos tempos veuse perdendo".

O novo directivo da entidade granate é consciente da responsabilidade que leva a súa posición, aínda que esta vese superada con fartura "pola ilusión, porque eu antes de nada son pontevedrés, son do Pontevedra, socio desde fai máis de 25 anos e accionista minoritario do club", conta con convencemento.

TRAXECTORIA. Licenciado en Xornalismo, a experiencia de Marcos del Río como responsable de activación de patrocinios deportivos na compañía internacional Libertex, patrocinador de equipos como Valencia CF, Xetafe CF, Tottenham Hotspur ou SS Lazio aválano como novo coordinador xeral do club granate.

Non faría este cambio na miña carreira profesional se non fose para vir ao Pontevedra CF

"Non faría este cambio na miña carreira se non fose para vir ao Pontevedra", asegura, "non deixaría a miña liña de traballo para irme a ningún outro club".

Un cambio na súa traxectoria profesional para o que Marcos cre contar cos coñecementos necesarios: "Vin desde dentro como funcionan equipos punteiros de LaLiga, a Premier League e da Serie A, e creo que iso é moi valioso para aplicar en escala ao Pontevedra".

O xa director xeneral granate está convencido de que coa súa incorporación ao club lerezano está a dar "un paso adiante porque en ningún sitio vou estar tan feliz de traballar para ningún proxecto como vou estalo aquí", asegura.

PROXECTO DE FUTURO. Os plans de Marcos do Río para o Pontevedra van collendo forma, sen pausa pero sen présa para que as cousas salgan ben e así poder devolver ao club "onde se merece" e achegar o equipo "á cidade, porque sempre houbo unha simbiose moi boa e ten que seguir adiante".

O pontevedrés recoñece que "nos últimos anos, as necesidades foron as de supervivencia" e eloxia a xestión dun equipo directivo que "conseguiu salvar o que parecía case unha morte segura".

Agora as prioridades cambiaron, e o obxectivo principal é o de reunir a afección e equipo, para o que xa traballan na campaña de abonados da próxima tempada ligueira. "Non podemos avanzar moito porque aínda estamos a traballar niso", matiza, "pero vai haber unha campaña de socios importante, da que atrae a toda lle xente".

Estamos a traballar nunha campaña de socios importante, que atraia a toda a xente da cidade e a comarca

E é que o novo director xeral non quere chamar a atención unicamente dos afeccionados granates, cos que xa conta "si ou si", senón tamén a de toda "a xente de Pontevedra e da comarca, que se dean conta de que aquí hai un activo importante da cidade", explica, "hai que volver enganchalos".

Hai días que traballan niso e "máis pronto que tarde", os afeccionados pontevedreses poderán coñecer as condicións de abonado da próxima tempada. "O proxecto está enfocado en que o Pontevedra CF sexa un representante da cidade, que todos sentan orgullosos e embarcar a canta máis xente mellor", matiza.

É bo que o club teña un sentimento, que xere interese e debate porque iso significa que o que facemos é importante

O carácter da afección granate é algo que gusta a Marcos, que sente un máis. "é bo que o club teña un seguimento, que xere interese e debate porque iso significa que o que facemos é importante para a vida dos pontevedreses", sentenza.

Comentarios