viernes. 02.10.2020 |
El tiempo
viernes. 02.10.2020
El tiempo

O 'sprint' deixa atrás ao Froiz

Os corredores do Froiz antes da proba en Valladolid. GD FROIZ
Os corredores do Froiz antes da proba en Valladolid. GD FROIZ
A escuadra alimenticia, que viaxou sen Romero, callou unha boa carreira na que García e Franco se escaparon durante gran parte da proba, pero sufriron nos metros finais

Desprazouse o Grupo Deportivo Supermercados Froiz Valladolid para disputar a terceira etapa da Copa de España Élite-Sub23 de estrada, Memorial Ángel Lozano. Chegou coxo o club pontevedrés a terras valisoletanas xa que Victor Romeu, un dos homes máis fortes do Froiz e o mellor clasificado nesta Copa de España, non puido viaxar co resto do equipo, algo que se notou á hora de saltar a escena.

Enfrontouse a escuadra alimenticia a unha etapa de 160 quilómetros na que o sprint final foi determinante para que David Martín (Fundación Contador), levase a vitoria.

Tivo unha boa participación en carreira os Supermercados Froiz que finalmente non se reflectiu na clasificación final. Sobre o asfalto valisoletano viviuse unha carreira movida, con varios movementos destacados e unha resolución ao sprint, que parecía a priori o desenlace máis probable.

Un grupo formado por seis corredores entre os que se atopaban os ciclistas do Froiz, Abel Franco e Guillermo García, foron os protagonistas que formaron parte da escapada que se produciu durante a primeira metade da carreira. O grupo dos escapados chegou a ter algo máis de dous minutos e medio de vantaxe sobre o pelotón, algo que lle permitiu ir con liberdade case todo o percorrido xa que, a falta de 70 quilómetros, foron cazados polo pelotón

A partir de aí intentouse romper o pelotón nalgunhas ocasións buscando o sprint, algo que non resultou para os atrevidos ciclistas xa que finalmente a chegada foi masiva con máis de 20 corredores buscando a velocidade punta no último instante para alzarse cunha vitoria que finalmente foi para Martín, seguido por Raúl García e Vicente Hernáiz.

A pesar de que non foi a carreira desexada pola escuadra alimenticia, esta serviu para que os mozos corredores continúen collendo rodaxe e facéndose máis fortes sobre o asfalto.

Nesta etapa da Copa de España o mellor clasificado do club pontevedrés foi Iuri Leitao que entrou en vixésima terceira posición a 56 segundos do campión da proba. No xeneral continúa sendo Victor Romeu o mellor clasificado dunha Copa de España que, polo de súpeto, xa viu como a seguinte cita que se ía a disputar en Ontur (Albacete) foi cancelada por alto risco de contaxio.

O 'sprint' deixa atrás ao Froiz
comentarios