Terceira abarata as butacas

O Pontevedra agarda a resposta da súa masa social para fortalecer o seu proxecto de Terceira División. A presentación dos prezos dos abonos, coñecida hai xa semanas por algúns afeccionados, fíxose oficial este luns.

Os afeccionados poderán retirar desde este momento o seu carné na sede do club, en Benito Corbal, en horario matinal. Os prezos son máis baratos ca no curso pasado, aínda que non dun xeito tan sustancial como lles gustaría a algúns grupos de seguidores.

Con respecto á pasada campaña, os afeccionados de Tribuna e Preferencia pagarán 15 euros menos ca no exercicio anterior. Os afiliados a calquera dos dous fondos deberán facer un desembolso dez euros inferior ao da temporada pasada. A rebaixa, entorno ao dez por cento nestas modalidades, non acadou unha unha resposta moi favorable nalgúns sectores da afección, que entenden que o descenso de categoría debería supoñer un abaratamento superior.

Así, o prezo dun abono de Tribuna pasa dos 235 euros para a Segunda División B aos 220 para a nova categoría. Preferencia custaba 165 euros e agora valerá 150. Fondo Norte e Sur pasará de cobrarse a 90 euros a facelo agora a 80 euros. A entidade non facilitou os prezos dos carnés PCF ou os de Palco, aínda que o presidente granate, Mauricio Rodríguez, explicou na xunta de accionistas de hai quince días que non haberá redución para os afiliados con máis recursos económicos, aínda que non matizou se afectaría a esas dúas categorías ou só a unha soa delas.

Entre as novidades que inclúe o club granate na súa campaña de captación de abonados atópase a posibilidade de abordar os pagos en prazos mensuais, coa fin de que os desembolsos sexan o menos lesivos posible para as economías familiares máis modestas.

Permanece a diferenzación entre carné infantil e xuvenil. Os máis novos sufrirán escasas melloras con respecto á pasada temporada. Pagarán cinco euros menos, mentres que os xuvenís investirán entre cinco e dez euros menos có ano pasado, en función da bancada na que se instalen.

Tamén se mantén a variable de socio bonificado, para xubilados e pensionistas, estudantes entre 18 e 25 anos de idade e persoas con minusvalías superiores ao 35 por cento. Neses casos, a rebaixa con respecto ao pasado exercicio será tamén duns 10 ou 15 euros, dependendo de se o lugar ocupado é na bancada de Preferencia ou na de Tribuna.

3.000

O obxectivo do Pontevedra é manterse entorno aos 3.000 socios no curso 2011-12. A cifra superouse nas últimas temporadas de Segunda B. Os ingresos por afeccionados están previstos como un dos principais sustentos económicos da sociedade nos orzamentos anuais que presentou o presidente Mauricio Rodríguez Boullosa durante a xunta de accionistas da súa investidura.

En total, o Pontevedra agarda sumar 300.000 euros en socios e outros 50.000 máis en taquillas dos partidos da próxima Liga, o que suporá máis da terceira parte dos ingresos previstos.

É precisamente esa necesidade económica a que levou a Mauricio Rodríguez a levar a cabo a rebaixa aplicada e pedirlle un novo esforzo aos afeccionados para que non conxelasen a súa axuda á entidade granate.


Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios