O Teucro disputa a súa primeira "final" pola permanencia ante o Alcobendas

Os pontevedreses, pechacancelas, enfróntanse o sábado a un equipo reforzado tras a súa vitoria ante o Granollers

Teucro-Ademar. RAFA FARIÑA
photo_camera Teucro-Ademar. RAFA FARIÑA

O Condes de Albarei Teucro, pechacancelas da Liga Asobal, afronta a súa primeira final pola permanencia este sábado ante o Secin Group Alcobendas, que chega a Pontevedra reforzado pola súa última vitoria ante o Fraikin Granollers.

Ambos se xogan moito no encontro, pero, quizais, moito máis que o conxunto galego, que necesita un triunfo para romper a dinámica negativa na que entrou tras sorprender ao Ademar León, con catro derrotas noutras tantas xornadas.

O Teucro, ademais, vén de sufrir unha dolorosa derrota na pista do Bada Huesca, onde caeu por 15 goles (37-22), no peor partido da tempada ata agora do equipo dirixido por Luis Montes, que tamén se xoga moito no choque do sábado.

A importancia de gañar ao Alcobendas, un rival directo que avantaxa en tres puntos ao equipo azul, animou á directiva que preside Carlos García Alén a regalar entradas nos colexios da cidade para que o pavillón municipal rexistre unha boa entrada.

O Alcobendas, un recentemente ascendido que se está facendo forte na súa cancha, aínda non gañou a domicilio, mentres que o Teucro sumou os seus tres puntos en Pontevedra, tras empatar co Sinfín e gañar ao Ademar.

O choque entre pontevedreses e madrileños, correspondente á décima xornada do campionato ligueiro, comezará ás 20:30 horas e será dirixido polo colexiados Muro San José e Iniesta Castilla.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios