A tradicional carreira de San Brais regresa este domingo a Salcedo

Preto de 300 deportistas tomarán parte na proba, aberta a diferentes idades e que será variable en función da categoría dos participantes
Presentación da Carreira Pedestre San Brais no Concello. CEDIDA
photo_camera Presentación da Carreira Pedestre San Brais no Concello. CEDIDA

Un esixente circuito con grandes pendentes define unha das grandes clásicas do atletismo pontevedrés: a carreira pedestre de San Brais. A proba regresa o domingo ao calendario atlético local. Preto de 300 deportistas tomarán parte na proba, aberta a diferentes idades, desde os máis pequenos ata deportistas veteráns de máis de 70 anos.

A distancia da proba será variable en función da categoría dos diferentes participantes. Realizaranse varias saídas desde as once e media da mañá, cando partirán os deportistas da categoría chupete. Ás doce e media terá lugar a partida dos maiores de idade.

Os de chupete (menores de catro anos) completarán 100 metros, os pitufo (cinco a sete anos), percorrerán 250 metros. Os benxamíns e alevíns ( 8 a 11 anos), cubrirán 500 metros. Os infantís deberán correr 800 metros; os cadetes e xuvenís (14 a 17 anos), 1.450 metros e os maiores os 6.500 metros.

Os máis pequenos correrán no aparcamento do Centro Comercial Carrefour, mentres que os maiores de idade transitarán pola parroquia de Salcedo e o lugar de San Brais, coas súas esixentes costas como testemuñas.

A décima edición, organizada por Salcedo Norte e o Concello de Pontevedra, conta coa colaboración da Cruz Vermella, Protección Civil, Casa Román, Carrefour, o Club Ciclista Farto e a Sociedad Gimnástica.

Comentarios