O tríatlon volve a Pontevedra

O Campionato de España Sprint 2020 celebrarase na Cidade do Lérez durante os días 22 e 23 de agosto
Imagen de la carrera masculina del ProTour celebrado en Pontevedra en octubre. GONZALO GARCÍA.
photo_camera Imaxe da carreira masculina do ProTour celebrado en Pontevedra en outubro. GONZALO GARCÍA.
A Boa Vila é cidade de tríatlon e a conexión existente entre esta disciplina deportiva e Pontevedra volverá estar vixente durante este ano xa que a Federación Española fixo venres oficial que o tríatlon volverá á cidade do Lérez o próximo mes de agosto.

Os días 22 e 23 do próximo mes Pontevedra será a sede do Campionato de España Sprint que este ano terá un aire diferente debido aos protocolos sanitarios que se terán que levar a cabo pola Covid-19. Con todo, a esencia do tríatlon volverá golpear Pontevedra que sempre se caracterizou por ter unha vinculación moi especial con este deporte.

Durante un fin de semana a Boa Vila acollerá as probas para as categorías cadete, junior, elite, sub-23, grupos de idade e Paratriatlón. As catro primeiras categorías saltarán a escena o primeiro día de competición, mentres que para o domingo quedarán reservadas as correspondentes aos grupos de idade e os paratriatletas. Deste xeito o fin de semana quedará completo e poderase gozar da disciplina os dous días consecutivos.

As medidas de seguridade modifican os criterios participativos como o número de deportistas na lista de saída

Os criterios de participación modificáronse con respecto a outros anos e outras probas. Nun primeiro lugar reduciranse as saídas a un máximo de 75 deportistas (valorándose ampliar a lista de saída en caso de superar o límite a categoría júnior).

Doutra banda favorecerase a participación dos equipos mellor situados no Ranking Nacional de Clubs, modificando os criterios de participación en elite. Ademais, no caso da categoría cadete estableceranse series clasificatorias en horario de mañá e celebrarase unha final directa pola tarde, na que tomarán parte un máximo de 50 deportistas.

Nesta ocasión os mellores triatletas do panorama español, volverán percorrer, a pé e sobre a bicicleta, as rúas da cidade e a mergullarse nas augas do río Lérez, ese que en tantas ocasións foi protagonista de probas nacionais e mundiais desta disciplina deportiva.

Non será unha das probas máis esixentes nin longas que se viviron na Boa Vila xa que as distancias son bastante curtas con respecto a, por exemplo, o Mundial de Longa Distancia. Os participantes de elite terán que percorrer 750 metros no tramo de natación, para despois meterse de cheo no tramo de bicicleta que terá unha distancia de 20 quilómetros. Finalmente os triatletas comezarán o percorrido de carreira a pé durante 5 quilómetros para chegar así ao final do percorrido.

Con todo, a falta de datas pechadas no calendario fai que poidan participar nesta cita os mellores triatletas do mundo como Javi Gómez-Noya, quen sempre deixou claro que para el correr en casa é un pracer dobre pola implicación da cidade con este deporte.

En agosto regresa a competición á Boa Vila coa celebración deste Campionato de España Sprint e Pontevedra volverá gozar dun dos seus deportes por excelencia. A última vez que o tríatlon estivo presente na Cidade do Lérez foi coa celebración do Prol Tour Fetri, en outubro do 2019. Ese fin de semana Pontevedra vibrou cos mellores triatletas do panorama nacional e serviu para aliviar as ganas de competición que reinaban entre as rúas da cidade, tras a celebración do ITU Multisport World Championships, o gran evento que acolleu a Boa Vila.

Máis en Deporte Local Pontevedra
Comentarios