A unión fai a forza

Ancora D'ouro, ED Marín e O Fisgón chegan a un acordo histórico e fusiónanse como club único de cara á próxima tempada, xuntando máis de 500 licenzas
2020082514201240525
photo_camera Ubaldo Lago (i), Araceli Otero (c) e Antonio Aguilera (d) na presentación do proxecto. DP

Ancora D'ouro, ED Marín e O Fisgón finalmente serán un. Logo de varias reunións para chegar a un acordo común, os tres clubs marinenses fusiónanse para formar un, tras asinar un acordo histórico que dará forma ao club de fútbol máis grande da vila, esperando acoller a máis de 500 nenos na próxima tempada.

"Vai ser o mellor para todos" declara Ubaldo Lago, presidente do Ancora D'ouro, quen á súa vez recalca que "non tiña sentido continuar divididos". Unha vez chegados a un acordo, os dirixentes dos tres clubs presentaron o seu proxecto fronte á alcaldesa da localidade, María Ramallo e o concelleiro responsable da área de Deportes, Antonio Traba.

Marín traballará nun único sentido no que ao fútbol se refire o próximo curso. Aínda pendentes de como evolucionará o aspecto deportivo, e á espera de que lles dean luz verde para poder porse en marcha, Ubaldo asegura que aínda queda algún cabo solto, por exemplo como serán os equipamentos, ou se tras a pandemia lograrán ter tantas licenzas como a pasada campaña. Pero a pesar das dúbidas, os tres clubs lograron o obxectivo que levaban perseguindo desde 2016.

A partir de agora, o equipo formado pola unión destes clubs será un referente a nivel galego. Así o declara Lago, quen recoñece que "moi poucos terán polo menos tres representantes en cada categoría", o que provocará levar ás novas promesas do fútbol a apostar por esta creación porque "atraerá talento e evita que os xogadores de máis calidade se vaian a outros equipos porque os mellores estarán aquí".

Ancora D'ouro foi o club que máis licenzas tivo a pasada campaña, sumando máis de 300 deportistas entre fútbol e fútbol sala. Seguido estaba E.D. Marín, que xuntaba case 200. O seu presidente, Antonio Aguilera puxo o seu graniño de area para que "o fútbol sala creza en Marín". Deste xeito, a única función é dar protagonismo aos verdadeiros responsables de que o fútbol sala creza a pasos axigantados na vila marinense, que non son outros que "os nenos aos que lles gusta este deporte".

O camiño foi rochoso, posto que foron catro anos de intentos nos que finalmente gañou a lóxica. "Todos temos filosofías similares, polo que traballar conxuntamente a partir de agora non suporá ningún problema, todo o contrario, xa que nos convén e todo serán vantaxes" apunta Araceli Otero, presidenta do O Fisgón.

Un paso á fronte nunha época na que o deporte non está a saír beneficiado, á espera de que se empecen a pór as datas do inicio de competición en fútbol e fútbol sala. "Está todo tan raro. Eu imaxínome que ao final, se empezan os colexios e se intenta chegar a empezar, a maioría da xente tirará para adiante co deporte".

Co inicio no aire pero coas bases ben establecidas, Ancora D'ouro, ED Marín e O Fisgón xa traballan como un.

Comentarios