Verducido respira piragüismo

A parroquia pontevedresa acolle desde mañá o LII Campionato de España de Sprint Olímpico nas categorías sénior e xuvenil, no que participarán máis de 850 padeeiros
Tino Fernández, Araceli Menduiña y Manuel González en el acto de presentación del LII Campeonato de España de Sprint OlÍmpico. DP
photo_camera Tino Fernández, Araceli Menduiña e Manuel González na presentación do Campionato Nacional de Sprint OlÍmpico. DP

O Complexo Deportivo David Cal, no encoro de Pontillón do Castro, Verducido, volverá acoller o LII Campionato de España Sprint Olímpico tres anos despois.

Nesta ocasión será a quenda dos padeeiros de categoría sénior e xuvenil os encargados de encher de piragüismo o encoro pontevedrés a partir de mañá e ata o vindeiro domingo 1 de agosto.

Trátase dunha das citas máis importantes que se vivirán este verán na cidade, ao contar coa participación de 841 deportistas pertencentes a 97 clubs de todo o territorio español. No que a representación galega refírese, será a comunidade autónoma con maior número de participantes, un total de 345 padeeiros de 29 equipos diferentes.

O evento, presentado este mércores nas dependencias municipais, comezará o ás 9.00 horas e prolongarase ata o domingo. Na primeira xornada do Campionato disputaranse as probas de  K1 e C1, mentres que no segundo e o terceiro día será a quenda do K2 e o K4, probas que pecharán a cita. Todas estas competicións disputaranse sobre as distancias de 1.000, 500 e 200 metros, tanto en modalidade de kaiak como de canoa. Os participantes repartiranse tanto en barcos individuais como de equipo.

Ao acto de presentación asistiron o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, o deputado provincial Manuel González e o vicepresidente da Federación Galega de Piragüismo, Araceli Menduiña.

"Unha vez máis, este ano, temos a sorte de poder anunciar unha proba de alto nivel no Pontillón do Castro", comentou na rolda de prensa de presentación o concelleiro de Deportes. Declarou ademais que a cita "terá un impacto económico moi relevante para a cidade, ao sumar tamén á cifra de participantes a dos acompañantes dos piragüistas". Afirma que o piragüismo "é un deporte de referencia sempre, pero que este ano está a ser un deporte que nos está achegando eventos de altísimo nivel", xa que a cidade de Pontevedra xa foi sede duns cantos, e "aínda quedan outros máis por vir", confirmou Tino. Trátase dunha proba "importantísima, non só pola súa repercusión deportiva, que é evidente ao visibilizar ao piragüismo en Pontevedra, senón tamén pola actividade económica que provocará", continuou o concelleiro. Pechou o acto afirmando que "todos estamos empeñados en recuperar a normalidade, pero temos que buscar accións que permitan mellorar a actividade económica da nosa cidade".

A de Verducido será ademais a antesala da competición olímpica de piragüismo que dará comezo precisamente este mesmo fin de semana en Tokio. Os participantes da cita no país nipón serán dos poucos ausentes neste Campionato de España de Sprint Olímpico.

Comentarios