Víctor Vázquez segue á marxe

Víctor Vázquez, Nacho Lorenzo, Adrián León e Pacheco mantéñense á marxe do equipo. DAVID FREIRE

O central marinense segue adestrando por separado para poder chegar en condicións ao encontro do domingo fronte ao Valladolid B â?? Adrián León, Nacho Lorenzo e Pacheco continúan recuperándose dos seus problemas físicos con traballo individualizado

O Pontevedra CF non cesa na súa preparación para o seguinte partido da tempada ante o Valladolid B, pero Luismi Areda ten a algúns dos seus homes entre algodóns para poder chegar ao encontro do domingo co máximo número de xogadores en condicións. Quen máis preocupa é Víctor Vázquez. O central marinense continúa adestrándose á marxe do grupo polas molestias no isquiotibial.

O futbolista xa non participou na sesión do luns, aínda que si xogou os 90 minutos do encontro o pasado sábado ante o Navalcarnero. Iso si, xa a semana anterior Luismi deixouno á marxe nalgunha sesión para poder contar con el en Madrid. No que respecta á xornada do martes, durante gran parte do adestramento, Víctor Vázquez realizou carreira continua suave.

 

O Pontevedra CF ten este mércores día de descanso, clave para a recuperación dos xogadores tocados de face ao duelo do domingo

 

No caso de que o marinense non se recuperase, Luismi enfrontaríase a un problema moito maior que o da semana pasada, xa que non tería practicamente xogadores propios da liña defensiva. De feito, Adrián León (que estaba a xogar como central), o lateral Nacho Lorenzo e o defensa Pacheco tampouco se adestraron este martes. Os tres mantéñense á marxe do equipo con traballo específico para recuperarse dos seus respectivos problemas.

En principio, Adrián León non chegaría para o encontro deste fin de semana, mentres que a Nacho Lorenzo, cunha pequena rotura nun ligamento, aínda lle quedan varias semanas de ausencia. Polo tanto, o técnico podería atoparse cun só central: Campillo. Iso si, os laterais Nacho López e Juan Barbeito están ao cento por cento e poderían volver ser titulares o domingo no Estadio Municipal de Pasarón.

 

Kevin Presa e Pibe volveron estar co resto do equipo sen acusar molestias e completaron a sesión de adestramento

 

Desta forma, todas as dúbidas céntranse na defensa granate. Con todo, espérase que Víctor Vázquez estea recuperado logo destes dous días de actividade menos intensa e coa xornada de descanso de todo o persoal (os mércores o equipo non traballa).

Cabe destacar que non todo son malas noticias para o técnico granate. Tras un primeiro susto o luns con Kevin Presa á marxe, o de Ponteareas volveu adestrar con normalidade xunto ao resto dos seus compañeiros na sesión do martes.

O centrocampista, un dos homes máis importantes do grupo, non se resentiu das molestias sufridas o luns e puido finalizar con normalidade o adestramento. Tamén continúa sen problemas o dianteiro Pibe, que aínda non puido debutar en liga por unha escordadura no nocello sufrido en pretemporada. Iso si, estará dispoñible para o encontro deste domingo.

Os xogadores volverán o xoves ao terreo de xogo para continuar coa preparación da que será a cuarta xornada da presente tempada. Polo momento, o Pontevedra CF conseguiu un empate, unha derrota e unha vitoria. De feito, o triunfo conseguiuno en casa ante a Cultural Leonesa. Este fin de semana, os granates tratarán de pelexar para que Pasarón continúe sendo un fortín o resto do curso. Mentres tanto, o equipo loitará por chegar nas mellores condicións posibles a ese duelo.