A vida, como ao principio

O Pontevedra continúa na primeira praza do grupo pola permanencia, a mesma coa que comezou a segunda fase ►A vantaxe que mantén o equipo granate sobre o terceiro clasificado segue a ser de un punto despois das tres primeiras xornadas
Álex González disputa o balón cun rival durante o partido contra o Lealtad. RAFA FARIÑA
photo_camera Álex González disputa o balón cun rival durante o partido contra o Lealtad. RAFA FARIÑA
Tres xornadas despois do comezo da segunda fase, as cousas seguen como principiaron. Os tres primeiros partidos da loita pola permanencia en Segunda RFEF non aclararon o panorama da competición, que segue a estar moi aberta e a manter diferenzas mínimas entre os cinco primeiros clasificados do grupo 1-E.

A falta de unha xornada para pechar a primeira volta do grupo por evitar a caída á Terceira División, o Pontevedra CF ocupa o liderado, pero con marxes moi escasos e cos dous desprazamentos teoricamente máis complicados pendentes de ser realizados: Oviedo B para pechar a primeira fase e Lealtad de Villaviciosa na penútima xornada de Liga.

Clasificación segunda fase primeira voltaO Pontevedra ten un punto de vantaxe sobre o Coruxo (a mesma que cando rematou a primeira fase), un sobre o Oviedo B (estaban empatados cando principiou esta nova sección do torneo) dous sobre o Salamanca (os mesmos que antes) e tres sobre o Lealtad (comezara a liguiña con dous de vantaxe).

O inicio da segunda fase pon de manifesto a igualdade entre tódolos contendentes e a enorme tensión que implica a competición. Sete dos doce partidos disputados ata agora se saldaron con empates. Só cinco triunfos e ningún dos oito participantes repetiu vitoria.

Nela, o Pontevedra é xunto co Coruxo e o Salamanca o que máis puntos fixo, cinco. Pero os tres teñen desprazamentos a fin de semana que podería mudar a situación. Os granates afrontan o duelo máis complicado, en teoría, contra o Oviedo B.

Clasificaciones inicio segunda fase Pontevedra

De momento, coa asimetría que produce o calendario (xogáronse dúas xornadas en casa dos bloques procedentes do subgrupo galego e só unha no feudo do subgrupo asturiano), os equipos galegos e salmantinos parecen mellor entoados que os asturianos. Dos cinco triunfos, catro obtivéronos cada un dos seus representantes e só un foi para un conxunto asturiano, o Oviedo B.

En total, as escadras galegas e salmantinas levan sumados 19 puntos, mentras que entre o Covadonga, o Lealtad e os filiais acumulan 10.

Con toda a igualdade existente, o Pontevedra lidera o grupo, pero se perde contra o Oviedo B a próxima fin de semana tería opcións de rematar a primeira volta en postos de descenso.

Entre os resultados de tódolos equipos, chama a atención que catro conxuntos aínda non perderon ningún envite neste treito do curso: o Pontevedra, o Coruxo, o Salamanca CF UDS e o Lealtad. O bloque asturiano tampouco gañou. Mantén a súa tendencia de rei do empate e leva tres igualadas en outros tantos envites, un único gol a favor e outro solitario gol en contra.

Todo moi apertado que pode cambiar a próxima xornada, na que o Pontevedra vai a Oviedo, o Coruxo visita ao Covadonga, o Guijuelo ao Lealtad e o Salamanca CF UDS, ao Sporting B.

Comentarios