A volta ao céspede, no limbo

O Pontevedra pretendía empezar a súa pretempada o martes, pero a falta dun protocolo e a ausencia de datas para a liga freou a idea
 
2020081216462192340
photo_camera Unha imaxe dun adestramento do pasado curso. GONZALO GARCÍA

O inicio da pretemporada do Pontevedra Club de Fútbol segue no limbo. O club tiña previsto regresar aos adestramentos este martes, pero as poucas certezas en canto aos protocolos sanitarios e a ausencia dunha data concreta de inicio de liga freou esta idea.

A día de hoxe, o PCF mantense á espera. Desde a entidade pontevedresa esperábase que a reunión da Real Federación Española de Fútbol coas territoriais aclarase o panorama. Pero nada máis lonxe da realidade. Aínda que a RFEF aclarou que non ten intención de pospor a liga ata 2021, tampouco concretou unha posible data de inicio. Tan só destacou que sería "o máis pronto posible" e supeditou este reinicio das súas competicións á posta en marcha dun protocolo sanitario promocionado polas autoridades deportivas e sanitarias estatais.

Non hai unha data prevista para o regreso aos campos, pero todo apunta a que non levará a cabo nos próximos días

Neste sentido, o Pontevedra agarda á publicación do documento de procedementos hixiénicos e sanitarios para ter máis claro a que aterse. O equipo podería empezar a funcionar seguindo o protocolo da Federación Galega de Fútbol, pero enténdese como medida máis coherente esperar novidades con respecto ao regulamento nacional. Esta decisión apóiase, ademais, na ausencia de présa por comezar a adestrar nun momento no que se descoñece o momento exacto do inicio das competicións. A intención do club é a de realizar unha pretempada longa, pero tampouco excesiva. Sobre todo, tendo en conta que a día hoxe non existe a posibilidade de levar a cabo sesións grupais e que tampouco se poden celebrar partidos amigables en terras galegas.

Así mesmo, dar o pistoletazo de saída á precampaña suporía pór en marcha o armazón xurídico-laboral con respecto aos xogadores nun escenario con, polo momento, demasiadas incertezas.

Os xogadores pasaron recoñecementos médicos, con proba PCR incluída, e foron covocados o pasado luns a Pasarón

Precisamente os futbolistas acudiron na tarde-noite do pasado luns ás instalacións de Pasarón para ter unha primeira toma de contacto co corpo técnico e o resto do persoal da entidade da Boa Vila. Nese encontro explicóuselles a situación e apelouse á tranquilidade.

Polo momento, os futbolistas mantéñense xa que logo á espera de novas notificacións por parte do PCF, que lles realizou durante os últimos días un primeiro recoñecemento médico, xa que se contaba con comezar o martes a adestrar. Dentro desas probas incluíuse a realización de test PCR a todo o persoal e o staff para dirimir se estaban contaxiados por coronavirus.

NON A CURTO PRAZO. Agora, o Pontevedra estuda as novas posibilidades e reformula as súas planificacións. En principio, non hai unha data de inicio no horizonte e parece que a volta ao céspede non se producirá nun curto prazo de tempo. Pero todo pode cambiar dun día a outro.

O martes, o club estaba convocado á reunión que convocou a Futgal cos equipos de categoría nacional para informarlles da reunión que Rafael Louzán mantivo con Luís Rubiales e o resto de presidentes territoriais.

O exgranate Nacho López xa ten equipo: xogará no Salamanca
O lateral dereito Nacho López foi anunciado onte como nova incorporación por parte do Salamanca UDS para a próxima tempada. Deste xeito, o asturiano atopou equipo uns días despois de que o Pontevedra lle comunicara que non contaba con el. O futbolista coincidirá con Sergio Egea, que xa o tivo ás súas ordes durante a súa segunda etapa no Oviedo.

O defensor é un dos ex que xa atopou equipo, do mesmo xeito que Edu Sousa e Adighibe (Talavera), Rivera (Coruxo), Erraji (Alavés B) ou Xaén (Ávila). Seguen buscando destino outros Campillo, Berrocal, Pedro ou Álex Fernández. Esta último conta cunha oferta dun equipo importante do Grupo III de Segunda B e tamén con propostas de equipos ourensáns de Terceira.

Comentarios