A volta de Iván Fernández

O extremo esquerdo podería estar no partido ante o Alcobendas despois de sufrir unha nova lesión no xeonllo. José Rial e Carlos Gehrhardt continúan recuperándose aos poucos

Iván Fernández. ADP
photo_camera Iván Fernández. ADP

O extremo esquerdo do Condes de Albarei Teucro podería estar de volta nas pistas despois de estar preto de dous meses arrastrando unha nova lesión no xeonllo na que xa fora operado en dúas ocasións. A baixa de Fernández estaba a ser, nos últimos encontros, unha das máis sensibles, xa que o persoal teucrista tivo que reforzar a posición do extremo cos xogadores do filial, posto que Carlos Gehrhardt tamén padeceu molestias nas últimas xornadas.

Con todo, Iván podería estar de volta para o partido do próximo día 21 fronte ao Alcobendas. O xogador poiense xa empezou a exercitarse aos poucos co resto do grupo e Luis Montes afirma que "non o descarto para viaxar".

O adestrador azul explica que a lesión de Fernández é "unha lesión que noutro xogador xa estaría curada hai dúas semanas e xa estaría a adestrar co grupo, pero ao ser no xeonllo no que Iván xa foi operado dúas veces está ao complicar todo un pouco. O luns empezouse a meter un pouquiño no grupo e a verdade é que non o descartamos para o partido fronte ao Alcobendas. Non se pode dicir que vaia chegar, obviamente, pero non o descartamos".

Por outra banda, o outro extremo esquerdo do persoal teucrista, Carlos Gehrhardt, xa xogou o último partido, fronte ao Bada Huesca, con molestias. Aínda así, Montes asegura que "tamén podería chegar a Alcobendas. Esperemos que tamén o faga José Rial, que non puido participar no último encontro porque xusto lesionouse o venres antes do partido. Iso si, está a evolucionar ben e espero que a Alcobendas poida chegar, se non pasa nada máis, claro. Chegaremos coa dúbida de Iván, pero espero que o resto poidan estar".

A falta de seis xornadas para concluír a liga, as opcións de salvación vánselle esgotando ao Teucro. Montes afirma que nos veu moi ben este parón. O último partido acabámolo coa xente un pouco tocada. A semana pasada dedicámonos a recuperarnos física e mentalmente. Esta semana xa estamos a traballar de cara a retomar a competición".

Comentarios